Vigo estrea "punto selfie" en Samil

A praia de Samil conta dende esta semana cun novo atractivo, un "punto selfie" formado polo conxunto escultórico Cíes-Vigo, que ofrece a posibilidade de retratarse entre as pinzas dunha impoñente nécora de granito co fondo incomparable da ría e a silueta das Illas Cíes.

A peza da nécora central foi elaborada por Rodrigo García, ex-alumno da Escola de Cantería e profesional con obradoiro en Canido, mentres que os dous bancos laterais coas inscricións Cíes e Vigo son obra de Bruno Comesaña, alumno de cuarto curso. Trátase dun dos últimos traballos da Escola de Cantería da Deputación. 

O conxunto escultórico Cíes-Vigo está concibido polos seus autores como unha peza "funcional e minimalista", que busca integrarse nunha paisaxe incomparable do litoral galego. Coa nécora e as súas pinzas, o autor busca transmitir a forza e a cultura dunha cidade de mar. A obra ofrece distintas opcións para situarse e tomar a mellor foto de recordo da visita a Samil.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que o Concello de Vigo barallou moitos emprazamentos para o conxunto escultórico antes de decidirse por Samil, onde se buscou o encaixe coa ría, o mar e as Cíes. “Eu creo que vaise converter en referencial, nun lugar referente de selfies”, asegurou o alcalde.