Tres galegos copan o podio nos premios Atlantic na categoría de brancos madurados


Pedrazais Godello, criado sobre lías durante 3 meses, da adega de A Rúa, Alán de Val, obtivo a segunda posición nos premios Atlantic, o I Concurso de Viños Atlánticos, celebrado do 19 ao 22 de setembro en Cangas de Narcea (Asturias), na categoría de brancos madurados, podio copado por tes viños galegos (Renacido 2017, en primeira posición e Ramón do Casar Nobre, terceiro).

“É o único viño de Valdeorras en obter unha distinción no concurso, no que participaron máis de 120 viños de adegas do País Vasco, Cantabria, Asturias, León, Galicia, Huelva, Cádiz e Canarias, así como de Portugal, sur de Inglaterra ou as rexións francesas de Burdeos e País do Loira”, tal e como se informa dende a adega. 

Pedrazáis Godello, é un viño procedente da finca do mesmo nome, na que se sitúa a adega Alan. “Como o seu nome indica é un terreo de pedras. Isto e a altitude na que está situada, xunto coa antigüidade da viña, que foi plantada fai uns 35 anos e esa continua brisa que corre, outórganlle ao viño singularidade e diferenciación, unha gradación idónea e unha moi boa acidez”, indica Joaquín Sánchez, presidente de Adega Alán. 

O panel de cata, que destacou a singularidade dos viños presentados a concurso, estivo formado por sumilleres de restaurantes con estrela Michelín."Un xurado composto por sumilleres é un xurado que entende á perfección os gustos do consumidor final", asegura Joaquín Sánchez.