Remata a rodaxe de Cuñados, co agradecemento ás entidades que colaboraron


Rematou a rodaxe de Cuñados, que se levou a cabo durante as últimas semanas en distintas localizacións da provincia de Ourense. Esta comedia familiar, que xira arredor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado, está protagonizada por tres grandes actores cómicos do país: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Fede Pérez, acompañados, entre outros, polas actrices Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Mela Casal. 

O produtor executivo do filme e director de a produtora Portocabo, Alfonso Blanco, destaca “a colaboración de todas as entidades que participaron nesta rodaxe, así como a implicación de todo o equipo e proveedores”, e agradece aos veciños e veciñas de Ourense “o bo trato recibido nos distintos lugares onde se filmou Cuñados”. Paisaxes da comarca do Ribeiro e de Allariz, xunto con San Cibrao das Viñas e a propia cidade das Burgas foron os escenarios deste filme ambientado no mundo das adegas de viño ourensás. 

Cuñados supón o salto á longametraxe de Toño López, quen, tras dirixir exitosas series como Auga Seca, Luci ou Matalobos, asume nesta ocasión a dirección desta gran comedia galega. Á fronte do resto do equipo técnico atópanse grandes profesionais do noso audiovisual como Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario). 

Cuñados, que se estreará en cines nos primeiros meses do 2021, forma parte do grupo de películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano e conta tamén coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a participación da TVG e a colaboración da Deputación de Ourense. A distribución correrá a cargo de Filmax, que tamén vai xestionar as vendas internacionais.

Este verán a produtora finalizou así mesmo a gravación da segunda temporada da multipremiada coprodución televisiva Hierro (Portocabo, Movistar+, Atlantique, ARTE) en Canarias, ao tempo que se atopa avanzando en varios proxectos en fase de desenvolvemento.