Que lle rode ben, Sr. Rueda _ Editorial HGg&T 226


Goberno continuísta coa sorpresa do cambio no eido turístico para unha nova lexislatura que chega como se despediu a precedente: coa ameaza activa do Covid-19, e o sector turístico-hostaleiro, e demais concomitantes, coa espada de Damocles cada vez máis preto dos miolos. Peches máis ca simbólicos, e incerteza pesimista sobre o futuro inmediato, a pesares de que unha parte dos negocios rexistraron un nivel contablemente aceptable neste verán.

A traslatio das competencias de Turismo á categoría da vicepresidencia primeira da Xunta, aumentando consecuentemente as responsabilidades que xa viña mantendo no cargo Alfonso Rueda, antóllasenos esperanzadora. Chegáranos o ruxe ruxe de que habería baixa sonada nas altas responsabilidades da xestión turística, se ben por debaixo do conselleiro. A expectativa aconsellounos demorar a edición no prelo. 

Pois o certo é que Román Rodríguez perde Turismo, sen ter chegado a practicar políticas directas comprometidas e correctoras de flancos ineficaces ou desorientados. Suxerimos máis dunha vez que deixara de xogar ao centrocampismo, que se metera na área turística: a promocional racional e efectiva do país, a concorrencia dun efectivo peso empresarial, a defensa de recursos desestructurados como o da cociña representativa, flagrantemente abandonada... Deixouno para un curso que dirixirá pero xa desde a educación e a cultura. 

Encetamos, pois a lexislatura, con máis escuros que claros. Pero ábrese unha fiestra insospeitada. Nunca o Turismo conseguira un grado de representatividade no executivo como neste cuarto mandato do presidente Feijóo, inda que comparta as atribucións da vicepresidencia con outras competencias. Agora chega ás mans do político mellor situado detrás do presidente, un home das Rías Baixas, coñecedor avezado das administracións, non propiamente “do sector”. 

Libre, por tanto, para facer política, para anovar esquemas gastados, para rectificar apostas de clara parcialidade, para equilibrar competencias con colaboradores competentes, para sumar sinerxias solventes... Que lle rode ben, señor Rueda. Falta fai!