Promoción turística e enogastronómica da provincia de Lugo


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), José Francisco Real Castro, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración de 60.000 euros para o financiamento de actividades e iniciativas para a promoción turística e gastronómica, así como para a celebración dun curso de especialización en enoturismo. 

José Tomé destacou que “o Goberno da Deputación cre que o contacto, o diálogo e a colaboración directa cos sectores produtivos é a mellor maneira de favorecer o desenvolvemento do territorio, e moito máis nesta situación de grave crise sanitaria e económica que vivimos pola pandemia da Covid-19. Así o cremos e así o levamos á práctica”. Neste eido, o mandatario provincial agradeceu á APEHL e aos empresarios e traballadores a súa actitude de cooperación nesta situación de crise sanitaria.

“Os hostaleiros da provincia de Lugo apostaron dende o primeiro momento pola responsabilidade, a colaboración, e as suxerencias ou reivindicacións apoiadas no análise da realidade. Antepoñendo a seguridade dos clientes e veciños ós seus intereses económicos. Pero sen deixar de reclamar, dende a colaboración e a sensatez, que as medidas sanitarias se adopten con criterios obxectivos, sen demonizar a ningún sector e conxugando a protección da saúde pública co mantemento, no maior grado posible, da actividade económica”, subliñou o Presidente. 

Nesta liña, José Tomé explicou que “o convenio que hoxe firmamos ten por obxecto apoiar e manter a actividade no sector, neste caso, desenvolvendo actividades de promoción turística e gastronómica de Lugo e tamén para a celebración dun curso de enoturismo. O enoturismo é un exemplo de turismo non masificado, que aporta valor engadido e, tamén, sostible no tempo. Un turismo que invita á idealización. Que pide repetir visita para coñecer o resultado dunha nova colleita ou unha nova bodega. A elaboración do viño permite deseñar rutas de contacto coa natureza, de coñecemento dos métodos tradicionais ou as novas tecnoloxías, e, por suposto, de maridaxe coa gastronomía da terra”. 

Por último, o Presidente felicitou á APEHL e aos empresarios e traballadores “pola súa capacidade para presentar propostas que aproveitan a calidade da nosa materia prima e adaptadas ás necesidades destes tempos complicados. Uns tempos que imos superar entre todos e todas, dende a unidade e a colaboración”.