“O xardín secreto”, eixo da Mostra Internacional de Cinema Periférico


A edición deste ano do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico levará por nome “O xardín secreto” en referencia á primavera que pasamos confinados e que o festival recupera, enchendo de flores e plantas as pantallas dos espectadores. A imaxe da Mostra, que se celebrará do 27 de setembro ao 3 de outubro, remite a esa explosión primaveral, ao estar composta por multitude de plantas, pétalos e flores. 

“A nosa idea é devolverlle á xente a primavera que pasamos recluídos, unha primavera que non puidemos vivir e na que non puidemos celebrar o festival. Por iso decidimos que a imaxe desta edición dual tiña que ser un xardín soñado, un xardín colectivo composto por flores de diversa natureza que xenerosamente nos cederon por cineastas, programadores, equipo e amigos do festival”, afirma Ángel Rueda, director da Mostra. 

Entre os “xardineiros” desta imaxe podemos atopar cineastas e programadores internacionais como Ken Jacobs, Rei Hayama, Bruce McClure, Cecilia Barrionuevo, Guy Sherwin, Charlotte Pryce, Pablo Mazzolo, Saul Levine, Jodie Mack, Helga Fanderl…; e tamén con artistas estatais como María Cañas, Andrés Duque, Xisela Franco, Helena Girón, Samuel Delgado ou Rocío Mesa, entre moitos outros. A Mostra quere reivindicar así un cinema que fai crecer unha “vexetación exuberante” nas mentes de quen se achega a el e que estimula os sentidos para ir máis aló do evidente expóndolle ao seu público a edición máis internacional, divulgativa e colaborativa do festival. 

A temática floral invade a programación 
Ademais de na súa imaxe colorida e multiforme, a temática floral terá unha ampla presenza nesta edición dual da Mostra. A sección A flor do día, que só se emitirá online, componse dunha serie de programas en streaming que xirarán arredor do tema desta edición: o xardín secreto. En cada unha das entregas veremos un pequeno ramallete de pezas de diversos cineastas que que se artellan arredor das flores e o mundo vexetal no cinema, precedido dunha presentación rodada en lugares emblemáticos da Coruña como a Torre de Hércules, o Xardín de San Carlos ou o Monte de San Pedro. 

O primeiro programa titúlase O xardín interior e nel veremos Asparagus, unha xoia animada a man de Suzan Pitt, unha viaxe alucinante ao intrincado xardín da psique dunha muller e á súa sexualidade. A segunda entrega, Flores atopadas, está dedicada á práctica do found footage e reúne os traballos das autoras Julieta Averbuj, Janie Geiser e Julie Murray. Natureza morta é o tema do terceiro programa, título baixo o cal mostraremos pezas de Erica Sheu, Shiloh Cinquemani e Jodie Mack. Por último, o último capítulo, Un xardín austral, está estará dedicado por completo á obra do cineasta arxentino Claudio Caldini, que visitou a Mostra en 2013. 

A outra sección que este ano gravitará arredor das flores e as plantas é Xardíns secretos, unha colección interxeracional de xardíns que será proxectada na sala de cinema. Trátase de trece películas nos seus formatos orixinais (35mm, 16mm e Super 8) rodadas por grandes nomes do cinema de vangarda, como Rose Lowder, Margaret Tait, Stan Brakhage, Nathaniel Dorsky, Phil Solomon ou Bruce Baillie entre outros. 

Ao longo da celebración do festival tamén se emitirá online o programa especial O xardín secreto, no que se poderán contemplar, unha a unha, as flores cedidas para a composición da imaxe da Mostra deste ano, cortesía de máis de corenta cineastas, programadores, membros do equipo e amigos e amigas do festival, entre os que se atopan: Claudio Caldini, Federico Lanchares, Azucena Losana, Jeannette Muñoz, Pablo Mazzolo, Madi Piller, Andrés Duque, Jacques Perconte, María Cañas, Samuel Delgado y Helena Giron, Xisela Franco, Alejandra Trelles, Cecilia Barrionuevo, Cinthia de Levie, Rocio Mesa, Lila y Betina Foster, Rei Hayama, Helga Fanderl, Charlotte Pryce, Janie Geiser, Bill Brand, Jodie Mack, Valentina Alvarado, Ken Jacobs, Saul Levin, Bruce McClure, Guy Sherwin, Steve Polta, Stephen Broomer, Esperanza Collado, Gloria Vilches, Francisco Algarín, Pere Ginard, Blanca Viñas, Albert Alcoz, Lucía Vilela, Lucía Rolle, Elena Duque, Ana Domínguez, Ángel Rueda, Ximena Losada, Andrea Villa, Nela Fraga, María Meseguer, David Carballal, Tamara Blanco e Marcos Flórez. 

A Mostra combinará nesta edición dual actividades presenciais con contidos creados en exclusiva para a rede. Tamén reforzará especialmente o seu carácter divulgativo, a formación de públicos e o descubrimento de creadores e creadoras, que continuarán sendo varios dos eixos principais da programación do evento.