O OUFF presenta o cartel da edición coa que festexará o seu primeiro cuarto de século

O Festival de Cine Internacional de Ourense presentou este martes o cartel da súa 25 edición, que se celebrará nas datas previstas (do 25 de setembro ao 3 de outubro) e tratará de festexar como corresponde o seu primeiro cuarto de século, aínda que sen esquecerse de tomar medidas como a redución do aforo para proxeccións e eventos, que seguirán sempre as medidas sanitarias recomendadas

Nesta edición tan especial,  o Premio Ourense será para o director Dani de la Torre, e o modisto Adolfo Domínguez recibirá a Calpurnia Especial 25 aniversario. Ademais, haberá unha homenaxe a Eloy Lozano, fundador e director da primeira edición do Festival de Cine de Ourense, e estrearase "Olvido y León", a nova película do director ourensán Xavier Bermúdez, na gala de inauguración. 

O cartel que se acaba de desvelar, obra do pintor Baldomero Moreiras (Celanova, 1955), destaca polo seu colorido e forza plástica, incorporando elementos que fan referencia a algúns dos monumentos máis destacados da capital ourensá como é a ponte romana. Caracterízase por ser tamén exuberante e creativa, ao igual que a figura do cineasta Federico Fellini, do que colle inspiración. O italiano será este ano protagonista, xa que se lle dedica un dos ciclos temáticos que forma parte da programación do festival.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar aproveitou para salientar "a singularidade que este ano terá o festival, que acada o seu cuarto de século, sendo o evento máis importante do audiovisual galego e o de maior proxección cultural da nosa provincia", e pon de relevo "o traballo que vén desenvolvendo todo o equipo do OUFF, que permitirá nesta esta edición superar ás convocatorias anteriores a pesares das especiais circunstancias que por mor da pandemia está a padecer a cultura xunto cos demais ámbitos da nosa sociedade".