
Os datos contabilizados pola dirección do Museo revelan que neste 2020 o número total de visitantes no mes de xullo ascendeu a 8.694 persoas, sendo o 77 % correspondentes ás Ruínas e o resto ao Sexto edificio e ao Fernández López. No caso do mes de agosto o número total de visitantes foi de 24.574 e o das Ruínas 20.784 persoas, é dicir, o 84 %. Pola súa banda, no Sexto Edificio do Museo este ano apenas se chegou a un 34 % das persoas rexistradas en 2019 debido claramente ás consecuencias da pandemia da COVID-19 que minguo o número de turistas –a meirande parte galegas e estatais– e obrigou a limitar as capacidades de cada espazo expositivo. ç
Hai que lembrar que o Museo reabriu as súas portas tras o confinamento o 2 de xuño coa capacidade das súas instalacións reducida incluso a menos do 30 %, co fin de proporcionar todas as garantías sanitarias. Dispúxose dunha sinalización informativa e de distanciamento en todos os edificios: Instaláronse anteparos separadores en todos os lugares nos que hai contacto entre o público e o persoal traballador, principalmente nas salas de acceso e de investigación. Tamén se colocaron elementos indicativos no chan marcando distancias de seguridade, itinerarios preferentes mediante frechas e paneis informativos varios.
A actividade reiniciouse coa prolongación das mostras vixentes antes do peche, as dedicadas a Leopoldo Nóvoa e ‘Debuxantas', que pecharon a finais do mes de agosto. O vindeiro 24 deste mes inaugurarase unha nova exposición da que se dará conta nos vindeiros días.