O Castelo de Moeche a través dos seus achados no seu 650 aniversario


O castelo de Moeche celebra o seu 650 aniversario cunha exposición formada por parte de aqueles materiais que foron descubertos no castelo dende comezos dos anos 90. Este castelo medieval, datado do século XIV e vinculado á casa dos Andrade, foi reconstruído a finais do século XV tras as Revoltas Irmandiñas. Durante as obras de rehabilitación do Castelo atopáronse os restos de murallas do vello castelo, e nas paredes do mesmo pódense ver as marcas dos canteiros que o reconstruíron.

A fortaleza, parcialmente rodeada por un foso, presenta planta poligonal e divídese en 7 estancias, contando con numerosos elementos arquitectónicos de carácter militar defensivo. Na entrada ao Castelo a través da porta principal pódense observar a praza de armas, a barbacana e as saeteras do muro exterior, así como as pedras armeiras da torre. Saíndo ao patio de armas accédese ao resto das estancias do Castelo: torre da homenaxe de 18 metros de altura, estancia da servidume, estancias para a soldadesca, caballerizas, e o museo de dúas plantas, que outrora foi cociña, comedor e aposentos dos señores.

É o elemento arquitectónico máis importante do Concello de Moeche. Os principais aspectos do castelo son os contidos arquitectónicos e os que o relacionan coas " Revoltas Irmandiñas" que céntranse nas crónicas e testemuños de preitos relativos ás “ Revoltas Irmandiñas”, que tiveron lugar no século XV. Estas referencias falan da destrución do castelo a mans dos Irmandiños e das sentenzas de preitos que obrigaban aos derrotados a reconstruílo.

Obxectos cerámicos, numismáticos e literarios que encaixan no castelo como peciñas dun crebacabezas cuxa resolución ven a descubrirnos a historia non so do castelo, se non de todo o territorio galego entre os séculos XV e XVIII. 

Os vaivéns do poder na Galicia moderna e medieval, os modos de vida dos seus habitantes e a evolución tipolóxica da nosa cultura material serán os eixes explicativos dunha exposición que se atopará no castelo ata o 15 de novembro, e que poderá visitarse de Martes a Venres de 11:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30, mentres que Sábados, Domingos e Festivos estará aberta de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00.