Medio Rural destina máis de 700.000 euros a axudas á apicultura


O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a resolución das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, aprobando un total de 21 expedientes que benefician a 1.774 apicultores de Galicia, por un importe superior aos 724.000 euros.

Así, as axudas diríxense a particulares titulares de explotacións apícolas, cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. A convocatoria fíxose en réxime de concorrencia competitiva, establecendo así unha serie de criterios obxectivos -previamente pactados co sector- para puntuar as solicitudes.

Neste sentido, déuselle prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e a unha cooperativa apícola. Tamén se valorou o feito de que as explotacións solicitantes tiveran titularidade compartida ou foran persoas mozas, que as colmeas estiveran en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

Estas achegas teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así, dispoñían de catro liñas diferentes: para asistencia técnica (só para agrupacións de produtores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.