MdR HGg&T 226: SOS DO SECTOR TURÍSTICO ANTE O INVERNO MÁIS LONGO


Pese á reiterada chamada á desestacionalización, o comportamento do sector turístico segue a parecerse ao dos osos pardos, acumulando reservas durante o verán para resistir adormecidos as carestías do inverno.

Un sistema que este ano se viu comprometido. Tras unha primavera en branco, todas as miradas centrábanse no turismo de proximidade, en busca dun verán de rexurdimento. E aínda que Galicia aguantou o tipo mellor que a media, grazas á súa menor dependencia do turismo internacional e á tendencia a buscar destinos pouco masificados, datos como o 51% de descenso interanual de pernoitas durante o mes de xullo indícanos que dificilmente foi abondo para acumular demasiadas reservas.

Sobre o complexo panorama que se presenta conversamos con voces do sector turístico entendido no seu senso máis amplo, dende o tourperador que move os grupos ata o distribuidor que fornece aos hostaleiros, sen esquecernos dun representante dos traballadores e de dous empresarios da hotelería e da restauración. Velaquí as conclusión da nosa conversa virtual, que confirma a emerxencia dun sector que reclama o apoio urxente das administracións para evitar un inverno catastrófico.

CINCO PATAS INTERSECTORIAIS

Reunimos cinco voces a través das redes, cinco protagonistas que nos ofreceron unha panorámica do estado de ánimo e as perspectivas dos diferentes subsectores do turismo e a hostalería galega.


<Suso Ares, director Yu Travel,   turoperador.

<José Luis Vilanova, director  Novavila Design Wine Hotel (Meis)

<Begoña Vázquez, cociñeira do restaurante Souto das   Candeas (Verín)

<Julián Hernández, xerente de   marketing de Vegalsa-Eroski

O debate comezou cun espellismo, coa visión optimista dunha cociñeira da Galicia de interior, que pronto se viu contrastada polas aportacións do resto dos contertulios.

Begoña Vázquez (B.V.).- Dende o meu punto de vista foi un verán moi bo. Eu estou no rural e a nós favoreceunos que as cidades se quedaran algo máis vacías. Penso que hai xente que era de Ourense e que nunca pasara por Verín. E agora nesta época están coñecendo un pouco máis as zonas que están cerca. O rural a día de hoxe remozou, ves xente nova e rapaces, cousa que outros anos non había tanto. Dá gusto pasar pola praza e ver xente, temos que poñerlle un pouco de cor rosa a esta situación.

José Luis Vilanova (JL.V.).- Pero unha cousa puntual, que a un establecemento lle poida ir mellor, é pouco significativo. España no 2019 recibiu máis de 82 millóns de turistas estranxeiros, Galicia preto dun millón e medio… Son os que moven a economía das nosas empresas. Sen esa entrada en 2020 é unha catástrofe económica para o noso país.

Eu particularmente pola singularidade do meu produto foime máis menos ben. Pero agora vén setembro, outubro… Os gastos correntes son todos os meses, os impostos son todos os meses… Non me vale conque xullo e agosto estiveran ben. Recordade que a temporada empeza en marzo, e marzo estivemos pechados, abril estivemos pechados … A realidade é dramática.

B.V.- É verdade que a nivel xeral é case seguro que se fagan peches, non se resistirá unha caída tan grande do sector. Pero volverá abrir, eu considero que esto é unha cousa pasaxeira. Agora vén o inverno e teremos que buscar outras formas de negocio dentro da hostalería, o que sexa creativo creo que lle vai ir mellor.

Suso Ares (S.A.).- No caso das axencias, hai que ver se somos emisores ou receptivos. Na parte de Galicia, dentro do que cabe aínda se están movendo cousas, pero tampouco foron demasiado canalizadas por axencias de viaxes. A situación que temos os touroperadores é bastante dramática. Tivemos unha crise de impacto nun momento no que íamos como un tiro, comezando probablemente o mellor primeiro trimestre da nosa historia. Vas a toda velocidade e de repente paras, de 100 a 0 en moi pouco tempo. Eu era bastante positivo no inicio, pensando que habería unha recuperación maior cara o verán… Pero chegaron os gromos cando a xente comezaba a ter certos desexos de viaxar, de coller un avión, de saír fóra. E aí foi cando a xente entrou en pánico. Decidimos cancelalo todo.

A partir de aí tivemos practicamente que hibernarnos, entrar nunha economía de guerra, nunha situación na que estamos mellor parados optimizando custes co persoal en ERTE. Eu que son positivo por natureza, o meu plan de recuperación de negocio téñoo posto na Semana Santa do ano que vén. E agora vén o inverno. Nós facemos como as formigas, no verán facturamos para pasar o inverno. E despois na Semana Santa comezamos a activarnos. Neste caso o inverno vai a ser tremendamente duro e vai a haber desgraciadamente moitos peches no sector.

Julián Hernández (J.H.).- A verdade é que no noso caso, tendo en conta que nos adicamos tanto ao comercio minorista como ao canal HORECA, non vou plantear que foi mal o verán. Pero é verdade que vivimos un momento complexo. Na distribución de supermercados, de gran consumo en xeral, vimos dun pico de vendas co confinamento, no que houbo unhas dificultades tremendas de execución da distribución. Paulatinamente, estamos sufrindo unha caída da media de visitas aos establecementos, con tickets medios máis elevados (20-25% máis). Non chega a incrementarse a facturación, aínda que si é verdade que nesta canle estamos recibindo unha parte da distribución que normalmente se faría no HORECA.

Quen sufre as consecuencias da falta de actividade na hostalería é a nosa liña de suministro de Cash Récord. En Galicia fóronse abrindo establecementos paulatinamente, neste momento segundo as estadísticas están abertos o 90% dos establecementos, pero non están cos niveles de facturación que correspondería. Faltan clientes, faltan establecementos e faltan vendas. Faltan segundo as estadísticas en torno a un 25% dos niveis de facturación que serían propios da canle neste momento.


Roberto Alonso (R.A.).- Hai unha visión moi variopinta. Hai locales concretos de restauración, locales pequenos, que van tirando, aínda que non tan ben como o ano pasado. Polo que observamos na nosa afiliación, vemos como unha das zonas máis beneficiadas foi a Costa da Morte, unha zona que non ten tanta afluencia de turismo e este ano polo que nos ten dito non había nin por onde andar. Haberá negocios que vaian sobrevivindo grazas ao turismo do estado español, casas de turismo rural… Pero porque a xente está escapando das zonas masificadas buscando zonas máis tranquilas.

Temos un problema grave co turismo internacional, do que España ten moita dependencia. No caso de Compostela, que tamén depende moito do turismo internacional, vese claro. E cos gromos temos un problemón. Por exemplo, nunha cadea que ten hoteles na Mariña tiñan os hoteles cheos ata que salta o rebrote. E dun día para outro, cancelación total. Tamén mantivemos conversas por exemplo coas patronais das verbenas, das orquestras, un sector que xa dá a tempada por perdida. E un dos motivos que daban para non arriscarse era o medo a ter un gromo e se estigmatizara como está pasando coa hostalería, que me parece unha esaxeración.

Sobre o tema da estigmatización apuntado polo representante da CIG-Servizos afondaron os seus contertulios, coincidindo na inxustiza de atacar a un sector que en xeral se ten esforzado por adaptarse ás novas esixencias sanitarias.

J.H.- Todos estamos facendo esforzos tremendos para conseguir ter os nosos establecementos nas mellores condicións posibles para os clientes, para os equipos, para todo o mundo. Creo que todos estamos actuando con responsabilidade. De feito, as categorías asociadas aos produtos de limpeza, prevención e seguridade están liderando o crecemento na canle. Entendo que se os compran son para usalos.

A estigmatización é inxusta. A irresponsabilidade duns poucos non pode ser xeralizada. O que ten que ter unha actitude coherente e solidaria é o cliente tamén. E se non é así mal imos, hoxe e no futuro.

S.A.- Pasa o de sempre, sempre hai uns poucos culpables repercutindo nos demais. Dentro do que cabe é un sector responsable, que tomou as medidas correctas de prevención e demais. Pero hai uns poucos que non cumpren, e nunha sociedade tan informativa como a que estamos todo se multiplica.

R.A.- Haberá empresarios irresponsables, pero non creo que sexa un problema da hostalería senón da sociedade en si, que non é consciente aínda do problema que temos, das medidas que hai que tomar. Agora fálase da hostalería, hai un mes falábase da mocidade. Aquí semella que se están buscando culpables, o que temos é que buscar solucións.

B.V.- Eu considero que o cliente elixe e esixe as normas nos locales que vai. Hai casos aislados onde non se cumpren, pero considero que en xeral estamos moi concienciados con todo. A vida sigue e nós con ela, debemos seguir saíndo e facendo o máximo de vida normal que podamos.

Botou en falta algún dos contertulios un representante das administracións na mesa de redacción. Pero aínda que nesta edición nos decantásemos por empresarios e traballadores do sector privado para o noso debate, non faltou ocasión de trasladar as súas demandas concretas aos xestores do público.

JL.V.- Creo que hai demasiado entramado institucional e que iso dificultou poñer en marcha medidas. Nunha pandemia global, cando ves que eres o peor de todos en número de contaxios, de mortos, de gromos… é que o estás facendo peor que os demais.

Por outro lado, os que estamos no mundo empresarial temos que demandar unha serie de cuestións. Durante estes meses de peche seguiron cargándose as facturas enerxéticas, seguiuse pasando o IBI ao cen por cen cos aforos limitados … Non pode ser que un sector que xera emprego e riqueza no mercado libre estea cerrado ou con limitacións e que teña que estar pagando os mesmos suministros como se estivese aberto.

Tomáronse medidas, algunhas, menos das que se tomaron noutros países: os ERTE, ceses de actividade para algúns autónomos… Pero son necesarias moitas outras. Agora, nun futuro próximo, ou se toman medidas nesa liña ou vai ser complicado que nun país tan dependente do turismo poidamos aguantar sen facer reformas estruturais de verdade. O que hai, haberá que repartirlo entre todos. Non poderán mirar para outro lado as institucións, que o funcionario siga cobrando o seu soldo mensual pase o que pase e os que xeran emprego se queden na cuneta. A pandemia ten que servir para que o sistema sexa máis xusto, non profundizar na inxustiza.

S.A.- A situación coa administración é complicada. Estamos pagando moitísimos impostos, no caso dos touroperadores pagamos unha barbaridade. E agora que estamos pedindo axudas para sobrevivir, non imos telas. Os ERTE axudaron un pouco, os convenios que firmamos coa Xunta para creación de produtos tamén axudaron un pouquiño… Pero todo iso non nos chega. Temos uns gastos elevados, un segmento totalmente estacional e un inverno moi duro por diante. Moitas empresas que funcionaban ben agora están abocadas ao peche.

En Italia en Francia, hai axudas directas ou uns mínimos rescates ás empresas do turismo. Aquí ou hai un plantexamento dunha axuda un pouco máis directa a todo o sector, neste caso falo da touroperación e das axencias, ou este inverno teremos una debacle brutal. Eu calculo que pechen un 30-40% das empresas do noso sector. No caso da Xunta tivemos unha colaboración directa dende o principio, estamos en contacto, foi das primeiras comunidades autónomas nas que houbo unha axuda directa para axencias e touroperadores. Pero non é suficiente. Eu vexo o que estamos pagando de impostos anualmente e vexo o que estamos recibindo. E a proporción é absolutamente brutal.

JL.V.- Máis que axudas eu pediría eximir. Un monta un negocio en base ao número de turistas que hai, o número de voos que hai… Pagas uns impostos por unha actividade económica. Esa actividade non existe a día de hoxe. Aínda que haxa un mes, un mes e medio que funciona, o ano ten doce meses e algúns impostos son anuais. Non pido axudas, pido eximir. As axudas tamén están ben, pero xa solo con eximir das obrigacións podemos saír adiante. Se non é moi difícil.

R.A.- O que acaba de dicir o compañeiro de que se eximan impostos paréceme ben e completamente coherente. Nese caso o IBI depende dos concellos, as asociacións de hostalería terán que falar cos concellos para que os eximan deste imposto. Se non tes actividade non deberías pagar impostos.

Nós dende o comezo da pandemia o que pedimos foi que á xente que estaba en desemprego se lle complementase o paro ao 100% para manter o consumo. Sempre nos opuxemos radicalmente a calquera rebaixa dos salarios por ser gravante do consumo a nivel interno. Baixar salarios é unha aberración, sobre todo en sectores como a hostalería ou o comercio, porque a hostalería precisamente ten na clase traballadora a súa clientela potencial. En Compostela cando foi a crise do 2008 e se lle sacara a paga extra dos funcionarios, notouse moito no consumo en hostalería e no pequeno comercio.

Despois non estamos de acordo co que fixo e como o fixo a ministra de traballo, pero é certo que se a xente segue consumindo é porque ten unha garantía de estabilidade no emprego. Se fora ao revés, se a xente que agora mesmo está en ERTE non tivera unha garantía á hostalería aínda lle repercutiría moitísimo máis.

B.V.- Efectivamente o tema impostos debería estar exento: a luz, o gas, a auga e todo o que poda axudar a poder manter a empresa e as familias que viven dela. Tampouco nunca baixar os soldos, os soldos son a base da nosa economía, se cobras pouco ou nada non gastas e se non gastas o turismo e a hostalería morren.

Máis alá de axudas e exencións, a administración ten un papel fundamental na promoción turística do destino. Para reconducir a parte final do debate, preguntamos cal debería ser a política da Xunta neste ámbito e ata que punto debemos confiar no Xacobeo 21 como revulsivo.

S.A.- Nos anos xacobeos as axencias e touroperadores que comercializamos o destino Galicia sempre incrementamos a facturación, a demanda aumenta bastante. Estamos esperando que o tema do Xacobeo poida ser unha solución a curto prazo.

O que pedimos é inversión publicitaria feita con cabeza, en tempo e forma, facer unha campaña adecuada nos mercados europeos onde tiñamos ou temos conexión directa. Hai que facer unha conexión para recuperar o mercado de proximidade, eu estaba botando en falta campañas no interior e no sur de España, son clientes importantes sobre todo no Xacobeo. Facer as campañas no momento no que as persoas deciden. Os españois estamos pensando dende o mes de marzo onde imos ir no verán, ese é o momento no que temos que ter a influencia, as campañas en televisión, en radio, en prensa… Se as facemos tarde non serve para nada.

A Xunta ten que facer unha campaña moi adecuada para o Xacobeo. Se o Xacobeo non nos funciona sí que temos un problema. Estamos fiando bastante a nosa supervivencia ao Xacobeo. Realmente é así.

J.H.- Aí sí que ten a administración un papel fundamental, e xa o xogou este verán. No mundo que vén o local, o próximo, ten máis valor. A administración pública ten o deber de dar potencia a todo o local. O Xacobeo seguirá sendo unha gran oportunidade, pero non o é todo. Iniciativas como Mercaproximidade que levou a cabo a Xunta, todo o que ten que ver con promover a actividade agrícola e pesqueira, poñer en valor o produto local… vai ser fundamental para que o tecido socioeconómico máis cercano teña mellores oportunidades.

R.A.- Evidentemente o Xacobeo será un motor importante de recuperación. Pero se non se garante que o tema da pandemia está superado, teremos incerteza, a xente esperará ao último momento a facer as reservas. En Compostela no pasado mes de xaneiro xa había reservas de grupos en hoteis para final de ano, para ver a apertura da porta santa. A previsión era brutal.

Por suposto que hai que facer campañas promocionais, pero sobre todo transmitir que a pandemia está controlada. É moi importante o tema da limpeza. Cando un turista chega ao aeroporto, ten que ver que se está limpando por todos lados. É unha cuestión de imaxe e de dar seguridade. E quen di un aeroporto di unha estación de tren, unha estación de autobuses, cando vaian pola rúa… Ten que transmitirse a imaxe de que España está tomando todas as medidas. Evidentemente, o tema da vacina tamén será importante.

JL.V.- Os turistas non chegan por arte de maxia. Os 3 aeroportos están aí sen apenas conexións internacionais, perdemos unha gran oportunidade para canalizar o aeroporto de Santiago como un aeroporto internacional competitivo e deixar os aeroportos de Vigo e A Coruña a nivel doméstico. A administración terá que acelerar ese AVE que aínda non chegou a Galicia, e que outros destinos como Andalucía hai 25 anos que xa o ten. E tamén habería que eliminar os peaxes á mobilidade. Despois promoción como destino seguro e excelencia. Falaba o representante da CIG da importancia da limpeza, pero eu vou por Galicia e é unha escombreira de lixo. Os alcaldes non limpan as cunetas, vas polo entorno rural e non hai limpeza. E se non hai limpeza non hai beleza. Niso tamén hai que incidir, Galicia ten que ser limpa.

B.V.- Deberiamos centrarnos nun tipo de turismo mais próximo, hai xente que veu este verán a Verín ou a Xinzo, a O Barco e a Trives e sorprendeuse coa coa riqueza destas zonas.

O tema do Xacobeo, considero que a publicidade é moi necesaria pero non podemos basear a nosa economía nun ano, creo que debemos vender a imaxe de Galicia como un destino seguro e onde temos moi ben implantadas as medidas de seguridade fronte o covid. A chegada do AVE é moi importante para Galicia, aínda que non para toda. Debe reforzarse a rede de comunicación en toda Galicia, os accesos e a publicidade debe ser comprendida para todo o territorio. g