Máis de 90 proxeccións no Festival Internacional de Cine de Ourense


Ourense volverá a ser a capital do cinema entre o 25 de setembro e o 3 de outubro. O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) regresa de novo á cidade como referente do audiovisual galego, así o demostran as máis de 90 proxeccións previstas que se completan con actividades e homenaxes as figuras centrais do cine galego e español: José Luis Cuerda, Eloy Lozano, Chano Piñeiro... nomes estreitamente vencellados á historia do festival.

A presentación da programación da 25ª edición do OUFF tivo lugar hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández. Baltar dixo que este ano, a pesar da pandemia, celebrarase o festival porque a Deputación de Ourense "aposta contundentemente por el como xa fixera cando evitamos que desaparecera e lle demos pulo nos últimos tempos, e neste 2020 tan difícil, o festival resiste" e converterá a Ourense durante eses días "nun diálogo aberto sobre o cine do pasado, presente e futuro".

Nesta edición do OUFF recibíronse "máis de 400 longametraxes de 65 países. A sección oficial está composta por 10 longametraxes nas que están involucradas 17 nacionalidades, van a ser 91 proxeccións durante estes días, que fai unha media de 12 proxeccións diarias en catro sedes: o Teatro Principal, o Auditorio, as salas do Pontevella e o Cineclube Padre Feijóo".

O presidente do goberno provincial afirmou que nesta edición "Ourense vai estar máis presente ca nunca no festival" porque o festival será inaugurado coa película "Olvido y León" do director ourensán, Xavier Bermúdez, rodada en Ourense e que será unha estrea mundial. A clausura tamén terá protagonismo ourensán coa estrea de "Luarada", unha produción do ourensán Óscar Doviso, baseada na historia de Manuel Blanco Romasanta. Na gala de clausura proxectarase ademais unha curta protagonizada por Isabel Blanco e Antonio Morris, "Non me espera ninguén", expresou Baltar.

Ourense tamén estará presente na película sobre o deportista ourensán Simón González "A nosotros tu reino" e no panorama de Galicia tamén teremos a proxección en versión cine de "Nación de muchachos: Utopía o muerte". Polo tanto, "temos protagonismo de seu para reivindicar o peso de Ourense desde este evento que cumpre 25 anos", destacou o presidente, quen engadiu que ese protagonismo de Ourense no cinema "é a aposta da Deputación nos últimos anos que fixo que nas últimas semanas coincidiran dúas rodaxes que serán éxitos no 2021: "Cuñados" e "Live is Life".

O director artístico do Festival explicou a programación prevista para esta edición e agradeceu á Deputación de Ourense que no ano 2018 asumira a organización deste evento cultural sinalando que "se non é pola rápida intervención da Deputación non estariamos a celebrar o 25 aniversario deste festival que é o único festival de Galicia que ten unha sección internacional a competición".

Entre a programación, Miguel Anxo Fernández destacou que esta edición vai a ter "unha das mellores seccións oficiais dos últimos anos" e tamén se proxectarán "dúas estreas mundiais que son xustamente os da inauguración e da clausura, así como dúas estreas en España. O resto son películas que se estrearán comercialmente no que queda de ano e no 2021 nun ano complicado para a exhibición comercial".

Xunto ás estreas, Miguel Anxo Fernández salientou a posta en valor que fai o festival "polo talento novo coas Fas Muvis, sección que nesta edición contou con 20 solicitudes, que foi o récord absoluto, das que se tivo que realizar unha escolla de 6 equipos. E, por suposto, unha alta participación En Curta, cunha escolla final de 15 curtametraxes".

Anxo Lorenzo cualificou ao OUFF como "o festival de referencia e a gran casa dos festivais audiovisuais de Galicia". Neste sentido, o secretario xeral de Cultura da Xunta destacou a importancia que ten actualmente este sector afirmando que "estamos a vivir unha eclosión do audiovisual galego como nunca se produciu ao longo dos anos, sendo un dos referentes a nivel nacional e internacional" e sinalou que Galicia está a ser cada vez máis "un plató de rodaxes por todo o seu territorio".

Lorenzo fixo un chamamento ao público para que asista a este festival "coas limitacións que as autoridades sanitarias impoñan", pero lembrando que "a cultura é segura" e que se está a facer "un esforzo enorme para deseñar plans de continxencia e protocolos de actuación para que os públicos, os usuarios e os elencos artísticos e técnicos fagan cultura de maneira segura".

Sección Oficial de primeiro nivel

Once longametraxes, (unha fóra de competición), unha mediometraxe e dúas curtas (estas tres tamén fóra de competición) forman a Sección Oficial do 25 OUFF. Catorce traballos dos que só dez loitarán polas Calpurnias. O festival de cine de Ourense da voz a diferentes nacionalidades con traballos procedentes de 17 países sen esquecer ser a voz propia do audiovisual galego. Así, Galicia conta con cinco traballos, destacando "La isla de las mentiras", de Paula Cons, en coprodución con Argentina, competindo na Sección Oficial.

Ourense será durante a vindeira semana escenario de cine con dúas estreas en España: "Deux", de Filippo Meneghetti e "Vivere", Francesca Archibugi, e outras dúas de carácter mundial: "Olvido y León" (inauguración) e Luarada (clausura). Tamén cabe destacar que dous dos títulos proveñen da selección do Festival de Cannes, que non puido celebrarse: "True Monthers", de Naomi Kawase e "Verano del 85", de François Ozon, sen esquecer que na sección a competición atopamos "Falling", a ópera prima do actor Viggo Mortensen.

Tódalas películas que se exhibirán neste 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense terán a súa estrea comercial en 2020 e 2021. Repasamos a carteleira do OUFF que poderá ser consultada na web do Festival, un espazo de comunicación aberto no que seguir a actualidade dos vindeiros días.

La isla de las mentiras (España, Arxentina). Paula Cons.

Verano del 85 (Francia, Bélxica). François Ozon.

True mothers (Japón). Naomi Kawase.

Deux (Francia, Luxemburgo, Bélxica). Filippo Meneghetti

Agente topo (Chile, Alemaña, España, Estados Unidos, Holanda). Maite Alberdi.

Regreso a Hope Gap (Reino Unido). William Nicholson.

Cartas mojadas (España). Paula Palacios.

Corpus Christi (Polonia, Francia). Jan Komasa.

Falling (Canadá, Reino Unido, Estados Unidos, Dinamarca). Viggo Mortensen.

Vivere (Italia). Francesa Archibugi.

Temáticas de trasfondo social
Inmigración, familia, relixión, adolescencia, lesbianismo, vellez e mesmo a problemática das adopcións forman parte dos temas que abordarán as dez películas a competición da Sección Oficial do Festival de Cine de Ourense. Percíbese así un marcado interese polas cuestións de trasfondo social na ollada dos cineastas seleccionados para loitar pola Calpurnia. Deste xeito, dende a dirección de programación destacan a universalidade dos temas tratados, que mostran unha radiografía social complexa, e pon en valor a presenza de reputados directores e miradas noveles entre os seleccionados.

A relevancia dos filmes que poderán verse nos próximos días en Ourense queda patente en que a maioría chegan directamente dende o circuíto internacional e en que algúns se estrearán durante o festival. A presenza feminina será máis alta ca nunca. Dos dez filmes á competición que conforman a sección, cinco están dirixidos por mulleres. Ademais, a curta da ourensá Lucía Álvarez, "Amanezca", que se estreará na gala de inauguración do próximo venres, conta cun equipo integrado só por mulleres.