A Deputación de Lugo presentará unha candidatura do xeodestino Ancares-Courel a un plan do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que pode reportar un investimento de ata 3M€ para impulsar este territorio da provincia.
Trátase do Programa de Plans de Sostibilidade Turística en Destinos, “un dos instrumentos de colaboración e cogobernanza entre administracións que habilitou o Goberno do Estado para favorecer a reconstrución da economía do país, neste caso, do sector do turismo, ante os efectos da pandemia da Covid-19”, explicou o Presidente.
José Tomé explicou que a Xunta está promovendo candidaturas a estes fondos para o xeodestino da Mariña, para o que contactou coa Mancomunidade de Municipios desta comarca; para a Ribeira Sacra, para o que conta co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; e para Ourense Termal, en colaboración coa Deputación ourensá. O Xeoparque Mundial das Montañas do Courel está traballando tamén nunha candidatura propia.
"Tendo en conta todo isto, dende a Deputación detectamos que quedaba unha ampla parte do territorio da provincia descuberto, entre O Courel e A Ribeira de Piquín. Polo tanto, para complementar as propostas que promove a Xunta, decidimos presentar unha candidatura propia para conseguir un Plan de Sostibilidade Turística en Destino para o xeodestino Ancares-Courel. Cremos que esta parte da provincia non podía quedar fóra desta importante oportunidade para favorecer o seu desenvolvemento turístico, social e económico, e por extensión, o de toda a provincia”, subliñou o presidente provincial José Tomé.
“Estamos a falar do espazo natural máis grande de Galicia; un referente internacional en conservación e xestión ambiental, incluído na Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera, Reserva Nacional de Caza, Zona de Especial Protección do Oso Pardo e Paisaxe Pintoresca”, asegurou o Presidente, quen considera que o xeodestino turístico Ancares-Courel “ten unha entidade propia, unha personalidade moi marcada, e unhas fortalezas aínda máis importantes neste contexto de pandemia: turismo de natureza, de valor engadido, de experiencias, non masificado, que pon en valor e coida o territorio e que contribúe ao seu desenvolvemento sostible”.
Por todo isto, “cando menos, dende a Deputación vamos intentar conseguir este Plan do Goberno do Estado para visibilizar, reforzar e consolidar o destino turístico dos Ancares-Courel, porque entendemos ademais que é unha boa maneira para crear emprego e fixar poboación”, afirmou José Tomé.
O Presidente recalcou que a Deputación fai “esta aposta decidida por aproveitar estes fondos presentando un proxecto para os concellos dos Ancares e do Courel porque cremos que este territorio non se podía quedar fóra desta importante oportunidade, pero tamén porque así favorecemos o equilibrio territorial, unha prioridade para o Goberno da Deputación, e porque este Plan de Sostibilidade coincide plenamente coa política en materia de turismo que vimos facendo na Deputación dende hai anos: un turismo sostible e de calidade”.
“Está claro que o turismo e a hostalería son dos sectores máis afectados pola crise económica provocada pola pandemia e por iso dende a Deputación queremos apoialos con todos os recursos que estean ó noso alcance. Creo que esta é unha boa forma de facelo”, afirmou.
A Deputada de Turismo explicou que o Plan contará cun paquete de medidas e actuacións que xurdiron dos propios axentes do territorio e dos técnicos de Turismo da Deputación, “e que buscan adaptar as estratexias ás novas demandas e preferencias dos consumidores para facer a contorna de Ancares-Courel máis competitiva, ante a actual crise do sector”. Entre esas medidas están potenciar o desenvolvemento de novos produtos turísticos, a implantación de sistemas de calidade, novas redes de oficinas de turismo e sistemas de recollida de datos, dixitalización e melloras en webs e redes sociais, promover xornadas temáticas, formación e apoio a emprendendores e establecementos locais. Así mesmo, o proxecto inclúe a creación de novas rutas ciclo turísticas, acondicionamento de camiños, melloras en equipamentos públicos, dotación de mapas e audioguías, potenciar o Camiño Primitivo, Francés e a Vía Küning, así como o turismo científico, etnográfico e literario.