En marcha a primeira fase de rehabilitación do Pasatempo en Betanzos

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos dan luz verde a un investimento de 525.000 euros para executar a primeira fase das obras de rehabilitación do parque enciclopédico do Pasatempo, na localidade brigantina.

Tras meses de trámites para contar coas autorizacións necesarias por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para a execución das obras nun espazo declarado BIC o pasado mes de febreiro, a Deputación pon en marcha o convenio de colaboración co Concello de Betanzos para financiar os primeiros traballos, que permitirán recuperar os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento hai dous anos.

Así o anunciaron hoxe no propio Pasatempo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, durante unha visita oficial do presidente á localidade na que tamén estiveron presentes o vicepresidente, Xosé Regueira, e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, o arquitecto redactor do proxecto, Xan Casabella, e os portavoces dos distintos grupos políticos representados na corporación brigantina, así como representantes da asociación Amigos do Pasatempo.

Valentín González e María Barral expresaron a súa satisfacción por este último paso administrativo antes de que, por fin, podan iniciarse as primeiras obras para recuperar esta parte central do Pasatempo e impedir que siga deteriorándose.