DÍAS DE VIÑO E VIÑAS, enoturismo en tempo de colleita

O enoturismo -ou na extensión máis ampla da acepción, agroturismo- é unha corrente en auxe que en Galicia ofrece múltiples e variadas posibilidades, con propostas concretas nas cinco denominacións de orixe, nas catro IXP e nas veciñas Bierzo e Portugal (Vinho Verde) e as súas respectivas Rutas do Viño, cun amplo abano de establecementos asociados (consultar a web de cada unha delas), ben sexa adegas que abren as súas portas aos visitantes, restaurantes, hoteis ou tendas que posibilitan unha oferta redonda en calquera dos territorios elixidos. 

Unha oferta diferenciada e desestacionalizada, ideal para a escapada de proximidade e de fin de semana, recomendada para familias, sobre todo en tempos de pandemia. Que mellor sitio para manter o distanciamento social que o entorno rural. E oportuna no tempo, estamos en tempo de colleitas. 

Facer enoturismo non só é visitar unha adega, é pasear entre viñedos, ver o envero, participar na vendima, coñecer o proceso de elaboración do viño, emocionarse, asistir a catas comentadas, que che conten unha historia vencellada ao territorio ou a unha instalación específica, mercar o viño que nos faga lembrar a experiencia, afondar nunha gastronomía de raíces, aloxarse en establecementos singulares… 

Trátase de mergullarse en cada territorio, coñecer a súa historia, os recursos, cada recuncho, as súas xentes e tradicións, descubrir os recursos turísticos de cada territorio.  Un turismo slow e respectuoso co medio que contribúe á sostibilidade do rural. 

Nas páxinas 5-20 de HGg&T suxerímoslle ao viaxeiro propostas concretas en cada territorio que non o deixarán indiferente, propostas seguras e diferentes, atlánticas e de interior. 

Dende o Baixo Miño (Terras Gauda), en O Rosal, ata O Salnés (Paco & Lola, Lagar de Costa e Granbazán), pasando polo Condado do Tea (Señorío de Rubiós) e, seguindo o curso do Miño vertebrador, en O Ribeiro (Casal de Armán e Pazo Vieite), hasta Belesar e Chantada, xa en plena Ribeira Sacra (Vía Romana), con Pantón na outra marxe (Casa Moreiras). 

Adentrámonos polo Sil augas arriba cara Sober (Regina Viarum) e cruzamos á ribeira ourensana por Parada do Sil (Ronsel do Sil), descendemos a Valdeorras (podemos aloxarnos no Pazo do Castro), Monterrei (Vega de Lucía), dando un salto á veciña comarca do Bierzo ata a que dúas adegas galegas estenderon o seus dominios (Pittacum, de Terras Gauda e Cuatro Pasos de Martín Códax). 

Todas as bodegas citadas neste informe ofrencen diferentes propostas enoturísticas, que aconsellamos consultar previamente pola situación sanitaria. Comezamos o percorrido pola Ruta dos Viños Rías Baixas, territorio que debido á súa extensión dividimos en dúas grandes áreas, O Salnés e as dúas subzonas miñotas (O Condado e O Rosal). O Salnés, a cabalo entre as rías de Pontevedra e Arousa, polo que discorre a Ruta do Pai Sarmiento, é un dos enclaves turísticos de Galicia por excelencia, subzona da D.O. Rías Baixas que se estende ata os lindes de Poio, onde referenciamos Combarro, o mosteiro de San Xoán e a casa natal de Cristóbal Colón; e da propia cidade de Pontevedra, cun bonito e harmonioso casco histórico, na que está a sede do consello regulador, no pazo de Mugartegui, un edificio de estilo barroco, na praza da Pedreira, que ten no baixo un museo do viño. 

No Salnés, que debe o seu nome ás antigas salinas que existían na zona, cómpre salientar Sanxenxo, o enclave turístico máis importante das Rías Baixas e, loxicamente, Cambados, a denominada Vila do Albariño, coa praza de Fefiñáns como estampa típica da localidade. Podemos, de paso, percorrer a Ruta da Pedra e Auga que chega ao mosteiro de Armenteira (Meis) e gozar de turismo de aventura no Racing Dakart, preto da praia da Lanzada aberta ao Atlántico. 

Noutra etapa, e xa transitado o curso do Miño (ver As paisaxes do Miño, páx. 12) que ao seu paso polo Ribeiro nos ofrece interesantes propostas termais, como a dos balnearios do grupo Caldaria, trasladámonos a territorio lugués e retomamos camiño pola Ruta do Viño da Ribeira Sacra, seguindo o curso do río Sil, que entrega as súas augas ao Miño en Belesar. 

Ribeira Sacra, forte aspirante a Patrimonio da Humanidade e que ten a súa capitalidade en Monforte de Lemos -aí ten a sede o Consello Regulador, nunha fermosa edificación no casco antigo- onde haberá que render visita ao Castelo e aos Escolapios, o denominado Escorial galego. 

Os dominios da subzona de Amandi están en Sober, coa súa cerámica de Gundivós e os Canóns do Sil, que se poden divisar dende a adega Regina Viarum, en Doade, percorrelos navegando con Hemisferios, ou por terra a bordo do renovado tren Tschu-Tschu de Aba Sacra, que enlaza coa Via Appia, co restaurante A Cantina e coa citada adega. Na outra marxe do río, en Parada do Sil, xa en feudo ourensán, podemos completar a aventura enoturística coa visita á Casa Museo do Chocolate e o miradoiro chamado Os Balcóns de Madrid. Moi preto, co concello de A Teixeira no medio, está Castro Caldelas, un dos pobos máis bonitos de España, co seu impoñente Castelo do século XIV, terra de fachós e bosques animados. 

O Sil ofrécenos máis posibilidades. Adentrarnos na Ruta dos Viños de Valdeorras, comarca situada no noroeste da provincia de Ourense. Terras pizarreiras, co paseo do Malecón, en O Barco, a ponte da Cigarrosa, entre A Rúa e Petín, a igrexa de San Xulián, en Vilamartín -concello no que está a sede do Consello Regulador- e que se coñece como a do santo da androlla. 

Postos en ruta, damos un salto á veciña comarca do noroeste leonés do Bierzo, que ten a súa capital en 
Ponferrada e parte da poboación galego-falante, para coñecer a súa oferta enogastronómica, complemento perfecto para unha D.O. que se caracteriza pola antiguedade dos seus viñedos.Concluímos percorrido polas adegas e viñedos de Monterrei. Moito que ver e do que gozar nesta contorna do sureste ourensán bañada polo Támega, afluente do Douro: o casco antigo de Verín, os mananciais de augas mineromedicinais, o Castelo de Monterrei, dende o que se divisa todo o val… Incluso podemos dar outro salto, esta vez á veciña localidade portuguesa de Chaves, coa que forma unha das eurocidades luso galaica, un destino Chaves-Verín, no que o día ten 25 horas. E percorrer a raia seca, a ruta do estraperlo por Vilardevós, seguir os pasos de Romasanta (o home lobo de Allariz) ou coñecer o último reduto maqui en Vilar de Barrio e dar un salto ao transfonteirizo parque natural (en territorio galego), e nacional (no portugués) Xurés-Gerês, xoia da natureza. 

O percorrido quedaría incompleto sen achegarnos ás adegas e establecementos hostaleiros das catro IXP galegas. A de Betanzos, a máis antiga de todas, na provincia da Coruña, que se extende por varios municipios no val do Mandeo; Barbanza e Iria, na ría de Arousa, a cabalo entre as provincias de A Coruña e Pontevedra no curso do Ulla, e cunha referencia no eido do turismo rural (Entre os Ríos); a do Val do Miño en Ourense, a máis estensa; e a de Terras do Morrazo -con Soutomaior por medio, terra de afamados albariños (forma parte da D.O. Rías Baixas como subzona)- onde en Vilaboa atopamos Os Areeiros, un establecemento rural a ter en conta. 

E postos en materia, cruzar a Portugal para achegarnos á oferta da Rota dos Vinhos Verdes. g