Balseiros toma posesión como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

José Balseiros e Nicolás Vázquez tomaron posesión, respectivamente, como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural. 

José Balseiros repite no cargo como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Nado en Cerdedo (Pontevedra) en 1961, José Balseiros xa desempeñara esta responsabilidade na anterior lexislatura, dende outubro de 2018 ata o seu cesamento por concorrer nas listas do Partido Popular ás eleccións autonómicas. 

Ata a súa incorporación ao Goberno galego, exerceu como deputado autonómico polo Partido Popular (dende novembro de 2016) e foi vogal da comisión especial do forestal e de incendios e portavoz desta mesma área dentro do grupo parlamentario popular na Cámara galega, ademais de alcalde de Cerdedo.

Pola súa banda, Nicolás Vázquez, o novo secretario xeral técnico da Consellería, substitúe no posto a María Jesús Lorenzana, que vén de ser nomeada conselleira de Emprego e Igualdade.

O conselleiro do Medio Rural, José González, que presidiu a toma de posesión destacou a valía e profesionalidade de ambos altos cargos e animounos a redobrar os seus esforzos en beneficio do noso agro en particular e de toda Galicia en xeral.