As Cíes colgaron o cartel de completo todos os días de agosto

As Illas Cíes confírmanse como un dos destinos turísticos que mellor aguantou este atípico verán, a pesar do carácter residual que tivo o turismo internacional conseguiron encher o seu cupo de visitantes todos os días de agosto. 

No seu conxunto, o Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas formado por Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada si descendeu o seu rexistro de visitantes nun 16.6% con respecto ao ano anterior. Pero segundo anunciou a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, segue sendo unha cifra positiva tendo en conta o descenso global de visitantes. 

En total foron 245.350 visitas durante se sumamos os meses de xullo e agosto, unha cifra que para a conselleira supón unha mostra de que  Galicia ten a sorte de ofrecer unha rica alternativa turística que permite realizar actividades ao aire libre, en espazos abertos e, polo tanto, con moitos puntos a favor neste contexto recente marcado polas precaucións sanitarias que todos debemos cumprir, manifestou a conselleira.

Ángeles Vázquez tamén quixo agradecer o bo comportamento dos visitantes, xa que non se detectaron incidencias importantes e sobre todo seguiron as recomendacións e directrices indicadas polo persoal do Parque Nacional, que traballou con seguridade e responsabilidade.

Explicou que para garantir a seguridade dos visitantes, e do persoal que traballa no Parque, fixéronse pequenos cambios, como a eliminación da información en papel, primado os recursos informativos con código QR; e acondicionáronse as casetas e puntos de información para unha atención máis segura dos visitantes, extremando a precaución para evitar aglomeracións; así como se replantexaron as actividades para ofrecer pequenas rutas e encontros interpretativos con afluencia limitada e distancia social