Aprazado o Roteiro da Arquitectura en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra decidiu aprazar sen data o primeiro dos Roteiros de Arquitectura que estaba previsto celebrar este sábado 12 de setembro en Pontevedra, debido ás novas restricións derivadas da evolución da situación epidemiolóxica da Covid-19 que acordou a Xunta de Galicia para este concello. 

Estas medidas sanitarias restrinxen a participación en actividades de grupos en monumentos e equipamentos culturais a un máximo de ata dez persoas, incluído o monitor o guía, e o Roteiro ten un total de 25 prazas cubertas.

A actividade celebrarase cando se levanten estas restricións e a Deputación manterá a lista de persoas inscritas, que xa están sendo avisadas deste aprazamento. A suspensión non afecta a ningún dos roteiros previstos fóra do concello pontevedrés e deste xeito, mantense o Roteiro Literario previsto para o domingo en Vilagarcía.

O Roteiro de Arquitectura previsto para este sábado tiña previsto un percorrido por diferentes espazos e monumentos da cidade de Pontevedra, entre os que figuraban as igrexas da Peregrina e San Bartolomé, así como unha posterior visita ao Mosteiro de San Xoán de Poio. A institución provincial manterá este itinerario para o momento en que se poida celebrar, que será comunicado en canto a data sexa fixada.