Andainas de Outono polo Concello de Zas


Cunhas medidas especiais para evitar a propagación do Covid-19, o Concello de Zas vén de poñer en marcha o programa Andainas de Outono. En total serán catro saídas que se realizarán durante o mes de outubro e nas que percorreremos algúns dos espazos naturais máis fermosos do noso municipio. 

Estas son as saídas:
A primeira andaina será o sábado, 3 de outubro, día no que realizaremos a ruta fluvial de Baio e a subida ao monte Castelo. Son un total de 14 quilómetros que discorren polo roteiro acondicionado recentemente polos membros da Asociación Veciñal Tabeirón de Baio. Ao longo do percorrido visitaremos lugares como a carballeira de Baio, a área recreativa de Pedra Vixía, o dolmen de Pedra Vixía, as Torres do Allo e dende alí subiremos ao monte O Castelo. A saída será ás 10:00 horas dende o paseo fluvial de Baio.

A ruta da auga será outro dos percorridos que realizaremos neste programa de andainas. Haberá dúas quendas; unha o 10 de outubro e outra o 18. Fervenzas, unha variada flora e fauna, muíños, un batán, pontellas, abellarizas, mámoas e mesmo un castro son algúns dos elementos que conforman este roteiro que discorre, nalgúns casos, por antigos camiños recuperados e, por outros, por sendas de ribeira. En total son 10 quilómetros de dificultade baixa. En calquera dos dous casos a saída é ás 10:00 horas dende a Praza do Concello.

E xa para rematar, o sábado 24 de outubro realizaremos a ruta das carballeiras. Son uns 13 quilómetros de percorrido no que pasaremos polo castro de San Adrián de Castro, polo pazo de Romelle e polo pazo da Edreiras entre outros moitos máis espazos naturais do noso municipio. A saída é ás 10:00 horas dende a Praza do Concello. 

Inscricións
Para participar en calquera das rutas é necesario inscribirse previamente en calquera dos Centros Socioculturais do noso municipio ou a través dos números de teléfono 981 751 398 ou 981 718 056. 

O número de prazas por cada ruta son limitadas e todos/as os/as participantes deben de levar máscara.