A IXP Mel de Galicia espera manter a cantidade de mel contraetiquetado


No que levamos transcorrido de 2020, a IXP Mel de Galicia conta xa cun importante incremento no número de altas no rexistro de instalacións con respecto a anos anteriores, así coma un ascenso no número de apicultores que apostan por esta actividade coma un modo de vida sostible, tanto a nivel profesional, coma complemento da renda. Concretamente, a IXP suma dúas novas instalacións con certificado de produto e sete novas pendentes para incorporar co certificado nesta colleita. A falta do reconto final ao rematar este ano, as cifras xa marcan un ascenso notorio, síntoma da fe dos apicultores na certificación e na contraetiqueta Mel de Galicia, coma unha importante posta en valor do produto.

A IXP pon de manifesto ser un potente activo para o desenvolvemento rural, ao estar formada actualmente por preto de 300 apicultores de toda a comunidade, que xestionan aproximadamente 50.000 colmeas, situándose como a indicación xeográfica que máis inscritos, máis colmeas e máis mel certifica a nivel nacional e europeo.

Mel de excelente calidade, aínda que máis escasa 
A campaña de recollida de mel no noso territorio confirmaba os prognósticos iniciais: as condicións meteorolóxicas desfavorables propiciaron un descenso na produción con respecto á colleita do ano anterior (no que se certificaran 659 toneladas deste produto, dos cales 352 toneladas comercializáronse coa contraetiqueta de Mel de Galicia).

Con respecto a este ano espérase que a cantidade de mel contraetiquetado se manteña; e que o que se vexa reducido, debido a mala produción desta colleita, sexa a comercialización dos produtos elaborados que empregan o Mel de Galicia coma ingrediente para a súa valorización, ou sobre todo a comercialización a granel.

Neste ano atípico, a climatoloxía acabou por pasar factura aos apicultores galegos, dadas as abundantes chuvias rexistradas durante a primavera, principalmente en zona de costa, que pouco axudaron á floración. Situados xa no verán, o tempo tampouco acompañou, cun calor extremadamente seco e fortes ventos que terminan por resecar toda a floración. A cuantificación deste descenso poderá confirmarse a finais do ano, con todas as declaracións de produción entregadas polos apicultores. Unha caída que, con todo, non afecta en absoluto aos estritos estándares de calidade do Mel de Galicia, que continúan manténdose intactos.

Un produto de confianza que se traduce nunha crecente demanda Se en algo se incide sempre desde o Consello Regulador da IXP, é na importancia de buscar a contraetiqueta Mel de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida á hora de adquirir este produto no mercado. Un garante de que estamos ante un mel de orixe cento por cento galego, sometido aos máis rigorosos controis tanto sanitarios coma de calidade. 

Unha xoia gastronómica cun aporte nutricional superior aos demais, xa que posúe o maior contido en minerais e vitaminas rexistrado. Sen dúbida, algo que non pasou inadvertido para os consumidores que viron no Mel de Galicia un produto a incluír na cesta da compra, sobre todo en tempos de pandemia, como axuda para reforzar o sistema inmunolóxico. Así se rexistraba un incremento de ata un 50% nas vendas das envasadoras de maior tamaño, e por tanto na solicitude de contraetiquetas por parte destas marcas que chegan a mercados fóra da comunidade.

Dado que a produción deste ano é máis escasa de cara a facer fronte á demanda do 2021, e que isto producirá un previsible aumento do prezo do mel en orixe, dende o Consello Regulador piden a colaboración dos consumidores á hora de seguir confiando no Mel de Galicia no momento de facer a lista da compra. Deste xeito, non só se estarán protexendo coma consumidores, senón tamén colaborando cos apicultores locais, apoiando ao campo galego, mantendo a biodiversidade e apostando por un cobizado produto que compite en calidade diferenciada no mercado do mel a nivel mundial, onde ten unha moi boa aceptación e posicionamento.