A hostalería volve ao 50% do aforo en Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha

Os gromos que están emerxendo en diversos puntos de Galicia ten levado á Xunta a establecer restricións nos concellos de Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha, entre as que destaca a limitación dos aforos ao 50% no comercio e na hostalería, onde ademais estará prohibido o consumo en barra. 

Trátase dunha das medidas máis importantes nunha batería na que tamén se limita o número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto, ademais do peche dos centros de día e residencias.

Cómpre destacar que, no caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para estar fin de semana.

As medidas xa foron publicadas no DOG e están en vigor dende hoxe mesmo. Polo pronto terán unha duración dunha semana, revisándose en sete días a súa posible redución ou ampliación en función da evolución dos diversos gromos. 

Paralelamente, a Xunta tamén mantén as restriccións no concello de Lugo, A Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo. Como dato positivo, o comité de expertos sanitarios acordou levantar as limitacións nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, que desde hoxe mesmo voltan adoptar as mesmas medidas co resto dos concellos da área sanitaria da Coruña.