A Epic Race 2020 celebrase este fin de semana con estrito protocolo anticovid19


Chega este ano co éxito anticipado de ter logrado manterse no calendario mentres moitas outras se suspenden por mor da pandemia de covid19 a Epic Race 2020, na edición máis complicada dende que esta proba botou a rodar hai catro anos,  A carreira, patrocinada pola Deputación de Pontevedra, foi presentada por Jose Víctor Cimadevila, director da empresa organizadora Global DxT, e pola presidenta, Carmela Silva, quen a definiu como "un escaparate turístico e deportivo da provincia" e valorou, dun xeito moi especial, o gran esforzo de organización que implica a súa celebración, nestas circunstancias, durante a fin de semana dos próximos sábado, día 12, e domingo, día 13.

Carmela Silva amosouse "moi satisfeita e tamén emocionada" de que tivera sido posible aplicar o estrito protocolo anticovid19 da Federación Galega de Ciclismo (que vai xa pola terceira revisión) e a normativa sanitaria "superando tódalas dúbidas e obstáculos". Despois de expresar a súa felicitación á empresa organizadora Global DxT polo rigoroso traballo realizado vaticinou que, en moi pouco tempo, a Epic Race será non só unha referencia en Galicia, senón tamén en España. Ao acto de presentación asistiron tamén o tenente de alcalde pontevedrés, Agustín Fernández; o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; o concelleiro de Portas, Alfonso Vazquez; e o deputado de Deportes, Gorka Gómez. "O virus non vai impedir que na provincia de Pontevedra teñamos actividades para que a xente sexa feliz; imos ser moi responsables, respectando tódalas medidas de precaución, pero non imos parar esta provincia", proclamou a presidenta antes de explicar o exhaustivo dispositivo de seguridade que acompañará á carreira. Deste xeito, lembrou, prescríbese o uso da máscara e o distanciamento físico nas zonas de recollida de dorsais, avituallamento e liña de meta, obriga de desinfectar superficies e utensilios, separación dos caixóns do podio, prohibición de compartir alimentos ou bebidas ou a sinatura dunha declaración responsable por parte de tódalas persoas participantes, entre máis dunha vintena de regras recollidas no protocolo.

José Víctor Cimadevila, máximo responsable da Organización, definiu a Epic Race como "deporte seguro, ao aire libre e ao alcance tanto dos deportistas profesionais como dos ciclistas de fin de semana, que teñen a opción de anotarse en equipos e completala perfectamente no tempo establecido". O director adiantou que a suspensión de moitas carreiras fixo posible que este ano se teñan anotado deportistas de elite como o "Triki" Beltrán, Paco Mancebo, Juan Pablo Trujillo, Brandán Márquez ou Tiago Silva, ademais de Lara Lois, a ciclista do Grove campioa de España de Maratón e Ultramaratón. "Temos unha primeira liña de saída espectacular, o mellor do mellor", subliñou. Ademais, non esqueceu a crecente presencia feminina, tanto nas distancias de 300 como 200 Km e, máis aínda, en modalidade individual. Cimadevila explicou que "sacar a proba adiante este ano foi moi difícil; custou 10 veces máis que un ano normal, pero se conseguimos superar isto, xa podemos dicir que a Epic Race está arriba".

A proba dispútase nun formato "non stop" nas distancias de 300 ou 200 Km, que poden cubrirse de maneira individual ou por equipos de 2 ou 3 persoas. O tempo para completar os percorridos é de 28 horas e 19 horas, respectivamente. Ao longo do seu percorrido, día e noite, percorre os concellos de Pontevedra (saída e chegada), Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén, Ponteareas, Mos, Redondela, Vilaboa, Barro, Portas, Caldas de Reis e Cuntis. En palabras de Carmela Silva "desfrutando montes, acariciando rías, adentrándose en bosques antigos e coñecendo pobos fermosos".

O tenente de alcalde de Pontevedra, Agustín Fernández, subliñou o valor de apostar por "eventos deportivos propios", que atraen xente, crean actividade económica e dan a coñecer a nosa provincia. Alfonso Vázquez desde Portas subliñou a satisfacción de poder manter a proba nun ano tan complicado e anunciou a vontade de Portas de participar en cantos eventos contribúan á práctica do deporte ao aire libre e en contacto coa Natureza. Andrés Díaz destacou o "pedigrí" de Ponte Caldelas no "mountain bike", pois leva xa moitos anos organizando a súa BTTroita e agradeceu á Deputación que a inclúa no percorrido da Epic. Todos eles subliñaron o carácter colaborativo da Epic Race, "un proxecto que suma", como resumiu Carmela Silva. A presidenta da Deputación, que animou a todas as persoas afeccionadas ao mundo do pedal a anotarse para facer deporte polo "escaparate" das Rías Baixas, concluíu cun novo recoñecemento: "Aplaudo a intelixencia e o talento que supón ter aproveitado a oportunidade provocada pola covid19 para traer a figuras que este ano non estarán noutras probas; imos convertelas en embaixadores e embaixadoras da nosa provincia e da Epic Race".