A Deputación deu a coñecer os premios Lugo Cambia ao Turismo

José Tomé, presidente da Deputación
O Consello Provincial de Turismo acordou que os gañadores da primeira edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense fosen o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra; e os de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense fosen para a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada. 

Estes distintivos teñen por misión recoñecer publicamente a dedicación de distintas empresas, persoas, institucións ou entidades, os méritos polo traballo realizado en prol do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense. 

Agora a decisión debe ser aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O premio ten carácter honorífico e consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta anualidade será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está previsto a celebración dun acto Salón de Actos do Pazo de San Marcos para entregar estas distincións aos premiados. 

Esta é a primeira edición dos galardóns e está previsto que teñan carácter anual, segundo acordou o Consello Provincial de Turismo.