A Deputación de Pontevedra súmase a campaña "1m2 por praias e mares"


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou á adhesión da institución provincial á terceira edición da campaña "1m2 por praias e mares", convocada polo Proxecto Libera en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). "É unha campaña para concienciar, para demostrar, para recoller datos e para poder tomar medidas e decisións de loita contra o dano que lle estamos facendo á nosa contorna natural", destacou.

En concreto, a Deputación porá en marcha dúas accións de recollida de lixo, o 26 de setembro na praia de Area da Cruz (O Grove) e o 3 de outubro na praia de Nerga (Cangas). Cada unha das actividades terán unha duración aproximada de dúas horas e os grupos estarán formados por un máximo de 10 persoas, polas circunstancias derivadas da COVID. Carmela Silva explicou que a campaña se fai con persoas voluntarias e que, ademais de liberar á natureza de lixo, o obxectivo é tipificar e caracterizar o tipo de residuos que se atopan en cada punto de limpeza. Deste xeito, as e os participantes contarán cunha APP que lles axudará a introducir e compartir os resultados, que serán incorporados ás bases de datos do Ministerio e "servirán para buscar estratexias máis eficientes e efectivas para acabar con este grave problema ambiental". Para participar na campaña, as persoas voluntarias deberán cubrir un formulario de inscrición na web da Deputación e terán de prazo ata o 24 de setembro.

Tras explicar as actividades, a presidenta provincial animou á xente a participar neste gran proxecto e instou "a facer un enorme esforzo de concienciación colectiva pero tamén individual". "Cada vez que deixamos o noso lixo na natureza", engadiu, "estamos facendo un dano terrible ao planeta, e todas e todos somos responsables de loitar contra isto". O Proxecto Libera, iniciativa de SEO/BirdLife e Ecoembes, facilitaralle ás persoas voluntarias o material necesario para desenvolver a actividade: guantes, bolsas de distintas cores para segregar os residuos (azuis, amarelas, verdes e negras) e protección fronte ao impacto directo do sol. Amais, tamén se fará cargo do seguro das e dos participantes.