A Deputación da Coruña financia obras de restauración no mosteiro de Santa Catarina de Montefaro



A Deputación da Coruña e o Concello de Ares investirán 131.000 euros nas obras de reparación da cuberta da cociña do mosteiro de Santa Catarina de Montefaro, no citado concello. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, asinaron o convenio polo que o ente provincial financiará o 98% da actuación, investindo 128.855 euros, e o restante achegarase a través de fondos municipais.

A iniciativa permitirá reparar a cuberta da cociña deste cenobio que data do século XIV, dando solución aos problemas de filtración de auga de chuvia existentes na actualidade, e devolvendo a cuberta ao seu estado orixinal, previo á reforma militar. A solución comporase dunha estrutura de madeira serrada que se adapte correctamente ao ambiente húmido da zona. Á súa vez, instalarase un tensor metálico para que as vigas funcionen de forma axeitada. O forxado realizarase mediante un taboleiro de madeira hidrófugo que será base para o illamento térmico e acondicionamento acústico do lugar.

Tamén se realizarán melloras no chan das salas. Levantaranse as baldosas cerámicas, as lousas de pedra e os recrecidos que compoñen a sala principal e a máis pequena para substituílos por un novo recrecido e un pavimento liso continuo de 10 mm de espesor. Á súa vez eliminarase a parede que divide a sala principal en dúas.

Ademais, co proxecto prevense sanear a humidade que se pode apreciar nos muros do edificio. Farase a través dunha drenaxe perimetral para a recollida da auga de escorredura, evitando que esta siga o seu curso fóra do alcance do muro. Tamén se avaliará a posible incidencia das raíces das árbores próximas, por se puideran causar algún efecto na cimentación da construción.

Por último, destinarase parte da partida a reparación de incidencias nas xanelas, portas e faltas na fachada.