Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo da provincia de Lugo


A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto deulle a benvida aos participantes nas Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo da provincia de Lugo que acollen as dependencias do Centro de Formación dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo. A actividade enmárcanse dentro da programación do I Congreso de Turismo Experiencial que se celebrará en Lugo no mes de setembro e co que colabora a institución provincial, o Concello de Lugo e a Xunta.

Nesta acción participaron 30 persoas. Desenvolveuse en dúas sesións de 4 horas e media: unha pola mañá con 15 persoas e outra pola tarde con outras 15. O aforo estivo limitado desta maneira seguindo os protocolos e recomendacións sanitarias establecidos para a prevención da Covid-19.

Debido ao éxito destas xornadas, pois esgotáronse as prazas ofertadas, ábrese o prazo de inscrición para realizar unha nova sesión o día 2 de setembro, de 9:00 a 13:30 horas. A partir deste martes pódense anotar todas as persoas interesadas na web: www.congresoturismoexperiencial.com. 

Esta iniciativa aborda aspectos vencellados co turismo de experiencias. Os profesionais reciben asesoramento para mellorar a súa actividade e información sobre ferramentas axeitadas para deseñar, crear e comercializar as súas propias experiencias turísticas. Son impartidas por técnicos especialistas de turismo que pertencen á entidade Experiencias del Destino, como Antonio Armesto, director técnico; Berta Ramos, voceira do I Congreso Nacional de Turismo Experiencial; Agustín Rico, Chief Browth Officer de Experiencias del Destino; e Belén Encabo, coordinadora técnica do congreso.

Entre os participantes na xornada de hoxe atópase unha gran diversidade de persoas procedentes de diferentes sectores vencellados ao turismo e a posibles beneficiarios do valor engadido que xera o sector: guías turísticos, propietarios de balnearios, hoteis, comerciantes, produtores ou profesionais do sector cultural.

A Deputada de Turismo resaltou que o que se pretende “é axudarlles a potenciar as súas actividades, servizos ou produtos realizados na nosa provincia. Temos a materia prima e cómpre saber sacarlle o mellor partido”.

García Porto subliñou que estes encontros “seguen a estela do traballo de reactivación do sector que facemos dende a Deputación e que englobamos dentro da campaña EN LUGO, SI a través da que desenvolvemos iniciativas como as xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo ou un curso de formación para a profesionais en novas medidas sanitarias”. Así mesmo, a Deputada loou a actitude e profesionalidade do sector dende os inicios da pandemia xa que “amosou e segue a amosar o sentido da responsabilidade e a capacidade de sacrificio para asumir decisións que condicionan a súa actividade ou mesmo que chegaban a interrompela, co conseguinte agravio económico”. 

Respecto á propia temática do encontro, García Porto puxo o foco en que “os expertos sinalan que hai que apostar por un turismo de valor engadido, de experiencias, sen masificacións e que contribúa ao desenvolvemento sostible do territorio. Uns valores sobre os que xa se sustenta a nosa oferta turística e que debemos potenciar aínda moito máis”. 

A Deputada de Turismo convida ás persoas que se dedican a este sector na provincia e tamén a aquelas que desenvolven unha actividade que pode ser obxecto dunha experiencia turística, a que se anoten na segunda edición das xornadas. “É un espazo aberto no que se fomenta a participación co obxectivo de xerar un ecosistema colaborativo na nosa provincia. En Lugo contamos cun grande abano de recursos turísticos para crear experiencias diferentes e atraer visitantes e é agora na nova normalidade onde temos que ver o noso territorio como unha oportunidade espremer ao máximo as súas características”.


Difusión das iniciativas
Aos participantes nestas xornadas dáselles a oportunidade de amosar e promocionar as actividades creadas nesta acción no evento Lugo Experience, que terá lugar a fin de semana do 19 e o 20 de setembro. Lugo Experience será un escaparate de experiencias da provincia de Lugo que poderán ver os asistentes ao primeiro Congreso Nacional de Turismo Experiencial, os visitantes e a veciñanza da provincia. 

Ademais, poderán participar en Lugo Experience todos aqueles profesionais que xa teñen produtos, servizos e actividades experienciais creadas con anterioridade ás xornadas. Deben anotarse na web www.congresoturismoexperiencial.com para participar nun webinar de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo da Provincia de Lugo que terá lugar o día 2 de setembro, en horario de 16:30 a 18:30 horas.