Vilagarcía mantén o Festaclown, apostando polos artistas galegos

Vilagarcía manterá este ano a celebración do Festaclown, que se desenvolverá entre o 15 e o 22 de agosto en Vilagarcía de Arousa cunha destacada presenza de espectáculos galegos e media ducia de estreas. Como unha das novidades deste ano, a programación deste festival de Clown concéntrase durante unha semana e nunha soa localización, a praza da II República da capital arousá, ademais de habilitar a reserva de entradas como medidas para garantir a seguridade do público.

Se outros anos se apostaba por artistas de renome internacional como Leo Bassi para garantir as risas e o espectáculo, este ano os artistas galegos asumen un maior protagonismo. En concreto, actuarán nove formacións galegas, varias delas estreando novos espectáculos, como Isolada, de Pajarito; O parrulo feo, de Cía N+1, ou Ritmo, da nova compañía Trío Detrés. As propostas galegas, entre as que figuran tamén as de Mofa e Befa, Píscore, Troula, Peter Punk, Catropés ou Su.Ma, comparten cartel con outras chegadas de fóra: Cía Vaya, con integrantes de Italia, Francia e Chile, que estreará en Vilagarcía Te veo; o italiano Simone Romanó, que tamén ofrece en primicia Hop hop; o showman madrileño Javi Javichi e mais o clown catalán Albert Vinyes.

A programación deste ano complétase con dúas galas solidarias, para as que Festaclown conta con outra decena de artistas: Cirqueiras o sábado 15, que reivindicará o papel das mulleres no mundo do circo e do humor con Mónica de Nut, Ánxela Blanco, Vanessa Rivas, Marta Semprearriba e Raquel Veganzones en escena; e A saúde é o primeiro, o venres 21 con Fran Rei, Pedro Brandariz, O Mago Teto, Isabel Risco e Albert Vinyes