Vilagarcía licita un ambicioso albergue de peregrinos para Carril

O concello de Vilagarcía vén de sacar a licitación un dos proxectos máis ambiciosos do actual mandato, un albergue de peregrinos situado en Carril co que se pretende potenciar o sector turístico local aproveitando a fonda tradición Xacobea coa que conta Vilagarcía, punto de inicio da Ruta Marítimo-Fluvial do Mar de Arousa-Ulla.
O proxecto realizado polo arquitecto Iago Fernández Puentes prevé reformar a estrutura inacabada da casa da cultura para transformala nunha especie de miradoiro á ría, perfectamente integrado na contorna e inspirado típicas casas da arquitectura mariñeira galega e nas industrias conserveiras e de salazón. Seguindo as directrices marcadas dende o Concello, o albergue deseñouse baixo criterios de funcionalidade, eficiencia e calidade, e contará con todos os servizos que precisa un aloxamento para peregrinos.

O edificio contará con baixo, primeiro andar e baixo cuberta, así como cun terreo aledaño que se aproveitará como zona de recreo. Na parte exterior do andar máis elevado créase un balcón retranqueado respecto ao nivel inferior e que se converte nun miradoiro para admirar as vistas de illa de Cortegada, a ría de Arousa e o inicio da ruta marítimo fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

Ademais, a actuación proxectada prevé tamén o acondicionamento da finca posterior que se habilitará como área de descanso e esparexemento, así como para a realización de actividades ao aire libre. Os terreos acondicionaranse axeitadamente para habilitar zonas verdes que combinarán céspede con xardineiras e cunha parra de vide de albariño.