Vilagarcía blíndase para evitar riscos no fin de semana da cancelada Festa da Auga

En condicións normais, Vilagarcía estaría ultimando os preparativos para a súa multitudinaria Festa da Auga, pero este ano os esforzos están adicados a evitar aglomeracións e riscos sanitarios. Así, ademais de cancelarse os eventos propios da festa tamén se prohíbe específicamente lanzar auga dende fiestras, balcóns ou por calquera outro medio o día 16 de agosto. 

Como recordou o alcalde, Alberto Varela, "por razóns obvias, este ano non haberá Festa da Auga, subida do Santo, procesión, desfile de carrozas…. Tempo haberá para volver a gozar destes grandes eventos tal como os coñecemos, pero para iso este ano todos e cada un de nós temos que ser responsables e contribuír a que as cousas vaian ben para acabar canto antes con esta pandemia”.

Maila a eliminación dos eventos que tradicionalmente aglutinan nas rúas a milleiros de persoas, o dispositivo trazado na Xunta Local de Seguridade prevé igualmente un operativo especial para a noite do 15 ao 16 de agosto, en previsión de que haxa quen se anime igualmente a acudir a Vilagarcía a realizar celebracións multitudinarias e a que se organicen de botellóns. Sobre este aspecto en concreto, o rexedor lembrou que a Xunta de Galicia vén de reiterar a prohibición da celebración de botellóns e que, como xa se dixera e prevé a mesma norma, se solicitou a presenza da Policía Autonómica para colaborar nas labores de vixilancia e control.

Despois de explicar as liñas principais do dispositivo preparado, tanto Varela como a subdelegada do goberno, Maika Larriba fixeron un chamamento “á responsabilidade e a solidariedade individual” das persoas para que cumpran escrupulosamente as normas hixiénico sanitarias e eviten calquera tipo de comportamento de risco para que todos poidamos gozar destas atípicas festas con total seguridade.

Por parte do Concello, todos os actos que se organizan dentro do programa seguirán un rigoroso protocolo como espazos acotados, prazas limitadas, control de aforo, reserva previa, público sentado en cadeiras distanciadas, entradas e saídas por lugares diferenciados, uso de máscara…. Maila isto, o rexedor insistiu en que é preciso a colaboración individual das persoas tanto dentro como fora destes actos, evitando as aglomeracións, usando sempre a máscara e respectando todas as normas. 

Pola súa banda, Larriba fixo un chamamento especial á Xuventude “da que son unha gran defensora porque sei do seu potencial e valores, pero tamén sabemos que dado que son os que máis gozan destas celebracións, sobre todo das multitudinarias, que é a eles a que debemos dirixirnos moi especialmente para que extremen as precaucións, sexan responsables e solidarios”.