Un estudo analiza o potencial da Vía da Prata para o desenvolvemento local e sostible

Este xoves no Mosteiro de Oseiro presentouse un estudo analizou o potencial do Camiño de Santiago – Vía da Prata para o desenvolvemento sostible a escala local, froito  dun convenio de colaboración asinado en xuño do 2019 entre a Deputación de Ourense, o Consello Económico e Social de Galicia e a Universidade de Santiago. 

No acto participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares; o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; e o director do IDEGA, Melchor Fernández, quen explicou aos asistentes as liñas básicas deste estudo que analizou as características e potencialidades da Vía da Prata e presentou as propostas do mesmo para a súa mellora.

As propostas xerais que se recollen no documento de avaliación e análise presentado no Mosteiro de Oseira están dirixidas á mellora da coordinación entre axentes, a conveniencia dunha ferramenta de planificación e dirección estratéxica, dun plan de formación sobre o Camiño, dun plan de comunicación; así como crear na provincia de Ourense un centro de interpretación da Vía da Prata.

Asemade, expuxéronse unha serie de propostas específicas encamiñadas a promover a identificación da Vía da Prata cun perfil de peregrino como o ciclista e o de grandes grupos, reconfigurar as etapas para que sexan máis accesibles para tódolos públicos, a existencia de xestores-guías do Camiño, promover a cidade de Ourense como punto de inicio para peregrinos con limitación temporal, e un plan de apoio aos investimentos para pemes e autónomos que impulsen novos produtos e novas tendencias.

O presidente da Deputación de Ourense dixo que este traballo "pon en valor a importancia da Vía da Prata" a cal, grazas a este estudo "no que todos aportamos o máximo de nós desde as administracións que lideramos, poderemos acadar un resultado importante da mesma como fonte de ingresos e como dinamizadora económica e social".

Baltar destacou a importancia que tivo a cooperación e o traballo coordinado entre administracións, como se materializou unha vez máis para realizar este estudo, sobre o turismo en Ourense que "nos últimos tempos rexistrou datos históricos tanto de visitantes como de pernotacións", afirmando que ao incremento deses datos contribuíu "o traballo coordinado no que en todos eles aparece, como debe ser, a Deputación de Ourense como goberno provincial".

A Vía da Prata é "un dos camiños que transcorre pola nosa provincia que lle dota dese carácter internacional e que está en máis da terceira parte dos concellos da provincia de Ourense, polo tanto, temos que procurar todo aquilo que repercuta no desenvolvemento e posta en valor do seu cometido". Ademais, o presidente do goberno provincial destacou a idoneidade da provincia de Ourense para acoller a demanda dese turismo afastado de aglomeracións que procura o benestar e a tranquilidade, como consecuencia do Covid-19.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións dixo que este estudo, realizado polo Grupo de Análise e Modelización Económica do IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela, coincide coa diagnose inicial e con bastantes das propostas impulsadas nestes últimos meses desde a Xunta de Galicia no seo desta ruta.

Román Rodríguez explicou que o Goberno galego está traballando en coordinación co resto de Comunidades Autónomas polas que transcorre a ruta "para acordar medidas e concertar os pasos a dar" para potenciar a Vía da Prata como axente dinamizador. Neste sentido, lembrou que xunto a Andalucía, Estremadura e Castela e León se asinou un protocolo para traballar en accións conxuntas centradas na potenciación do itinerario; tanto no que se refire á promoción turística e a programación cultural, como á defensa e protección patrimonial do itinerario histórico. Ademais, ao abeiro deste acordo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos nas respectivas comunidades.

O conselleiro fixo un repaso polos investimentos realizados pola Xunta desde 2019 na ruta e os compromisos adquiridos que permitan "avanzar a paso lixeiro para chegar nas mellores condicións posibles ao vindeiro Xacobeo 2021". Así, explicou que se ten intensificado o traballo no eido da sinalización da Vía da Prata, cun investimento de máis de 2 millóns de euros e lembrou que esta conta por primeira vez cun Plan de Mantemento propio dotado con 1,6 millóns de euros para todos os seus concellos.