Última semana para presentarse aos premios da hostelería e o turismo lucenses

Este venres 21 de agosto remata o o prazo para a presentación de candidaturas aos premios á hostalería e ao turismo Lugo Cambia, galardóns cos que a Deputación provincial quere recoñecer e poñer en valor o traballo de persoas, empresas e institucións a favor da promoción turística da provincia, así como as actuacións innovadoras no mundo da hostalería.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembra que os premios, acordados no seo do Consello Provincial de Turismo e no marco do Plan Estratéxico de Turismo que ten en marcha a Deputación, contan con dúas modalidades: o premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense e o premio...E Para Comer, Lugo á gastronomía lucense.

Poden optar aos galardóns persoas físicas ou xurídicas, a título individual ou colectivo, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das dúas modalidades destes premios. Os galardóns, con carácter honorífico, consistirán neste primeiro ano nun diploma acreditativo e nun agasallo.

As persoas interesadas poden obter máis información dirixíndose ao enderezo electrónico turismo@deputacionlugo.org ou ao número de teléfono 982260120.