Solpores no Lagoeiro chega ao seu ecuador



A primeira edición de Solpores no Lagoeiro chega esta semana ao seu ecuador. A cita cultural que promove A Casa do Lagoeiro, na localidade de A Estrada, ofrecerá nos vindeiros días novas actuacións a ceo aberto e con todas as garantías de seguridade para que tanto para o público coma para as e os artistas que conforman o cartel da programación gocen do reencontro ao vivo.

A primeira cita desta última semana de agosto será co compostelán Fredi Leis. Unha das novas promesas máis singulares da canción de autor actuará este xoves 27 na Estrada a partir das 21.30 horas. Será nun concerto acústico no que o cantautor e intéprete, que na súa última creación La Faraona aposta “pola música sen etiquetas nin barreiras”, dará a coñecer nos Solpores do Lagoeiro os temas do seu disco Neón, un traballo que conta con pezas como Mariposas, Sálvate ou Quiero Darte.

De cara á fin de semana, a música tradicional incrementará as súas revolucións na comarca do Deza co potente directo que ofrecerá Tanxugueiras o domingo 30, ás 21.00 horas. O trío, conformado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, presentará Contrapunto, o seu segundo traballo discográfico, un álbum que, a modo de espello, presenta dez creacións sobre as cuestións positivas e negativas da vida. Cinco vivencias enfrontadas a outras tantas nas que as coplas tradicionais e novas creacións non faltarán á cita do xardín do Lagoeiro, no que soarán temas coma Desposorio, Perfidia e outros éxitos do grupo.

As entradas para os concertos de Fredi Leis e Tanxugueiras están dispoñibles a través da plataforma web Enterticket. De cara ao mes de setembro, Solpores no Lagoeiro programa os dous últimos espectáculos da súa primeira edición. O domingo 6 será a quenda de Xoel López