Sinatura para a constitución oficial da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia


Santiago de Compostela acolle este luns, 3 de agosto, a sinatura para a constitución oficial da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, integrada polos 9 concellos polos que discorre este camiño: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela. O desenvolvemento, defensa e promoción deste itinerario xacobeo é o obxectivo principal arredor do que se crea esta entidade que nace cun espírito aberto e integrador. 

Precisamente por iso a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia tamén contempla a opción de integrar en calidade de asesores ou integrantes de mesas sectoraiais a entidades de carácter público ou privado como “membros amigos”, sempre que teñan entre os seus obxectivos o desenvolvemento, defensa e promoción do Camiño da Ría de Muros Noia. 

O acto de constitucion oficial servirá, ademais, para aprobar os seus estatutos de funcionamento, orzamento e programa de accións para este ano, ademais de designar a xunta directiva da asociación e os seus representantes oficiais. 

Un paso máis 
A creación desta asociación supón un paso máis no compromiso destes nove concellos no proceso iniciado para que este itinerario sexa recoñecido oficialmente como Camiño de Santiago a efectos de patrimonio cultural e ruta turística xacobea. Ademais, entre os seus cometidos, a asociación establece o de promover o desenvolvemento turístico destes concellos polos que atravesa o Camiño, desde un punto de vista de defensa do patrimonio natural e cultural e a aposta por un turismo sostible. 

A xeración de sinerxías entre estes concellos unidos polo Camiño da Ría de Muros-Noia, a xestión e captación de fondos para o desenvolvemento e promoción destes territorios así como a creación dunha entidade que impulse a investigación e o fomento da cultura xacobea e que funcione como voceiro para representar aos concellos do Camiño da Ría de Muros Noia en cantos proxectos, convenios ou acordos se orienten á defensa e promoción deste roteiro son os principais obxectivos de traballo que se fixan para esta asociación. 

Itinerario cultural e histórico 
Co impulso para a oficiacialización desta entidade, a Ría da Estrela avanza un paso máis no proceso de recoñecemento histórico deste itinerario do que se leva recompilado documentación para demostrar a súa historicidade como camino de peregrinación a través de diferentes estudios e traballos de campo para a delimitación do trazado, ademais de ter avanzando diferentes contactos co diferentes administracións, especialmente coa Xunta de Galicia, Arzobispado de Santiago de Compostela e Cabildo Catedralicio.