Selo “Safe Tourismo Certified” do ICTE para o Castelo de Soutomaior


Tras ter superada unha auditoría, realizada por unha empresa independente, que acredita a correcta aplicación dos protocolos de seguridade ante a Covid-19, o Castelo de Soutomaior da Deputación de Pontevedra vén de recibir o selo “Safe Tourismo Certified”, do Instituto de Calidade Turística Española (ICTE), “Queríamos –asegurou a presidenta Carmela Silva- que o castelo fose un espazo completamente seguro para as persoas visitantes, traballadoras e empresas proveedoras e o selo reafirma o noso compromiso cos protocolos e medidas impulsadas polo ICTE para facer fronte á Covid-19”. 

Para acadar o distintivo “Safe Tourism Certified” o Castelo de Soutomaior vén de superar unha auditoría, realizada por unha empresa independente, na que se comprobou a correcta aplicación das medidas hixiénico-sanitarias do ICTE fronte ao coronavirus. O selo garante e certifica que o Castelo implanta as especificacións técnicas UNE desenvolvidas a partir das guías elaboradas de prevención de contaxio fronte ao SARS-VoV-2 en establecementos turísticos. Ademais, “Safe Tourism Certified” aumenta a confianza das persoas visitantes, clientes e outros grupos de interese, como operadores turísticos nacionais e internacionais. 

Dende a reapertura do Castelo de Soutomaior, o 2 de xuño, a Deputación apostou por implantar todas as directrices sinaladas polo ICTE para garantir a seguridade no recinto e minimizar o risco de contaxio da Covid-19. Así, impulsouse un protocolo específico para o castelo, no que se inclúen todas as medidas de hixiene e distanciamento que se teñen que cumprir durante a visita, así como as que deben seguir o persoal traballador e as empresas proveedoras. En concreto, e entre outras cuestións, tómase a temperatura a todas as persoas que entran en Soutomaior, hai dispostas fontes de hidroxel, é obrigatorio o uso de mascarillas e o emprego de luvas (ao ser un espazo museístico interactivo), elimináronse as pantallas táctiles de xeito temporal para minimizar os riscos, incrementouse a ventilación, e adaptouse o percorrido para evitar cruces entre as persoas.