Responsabilidade, respeto e resistencia para o XVII Festival de Cans

Entre o 2 e o 5 de setembro volve o agroglamour, volve un Festival de Cans que celebrará unha XVII edición marcada polos aforos reducidos e as estrictas medidas de seguridade fronte ao COVID-19, na que segundo anunciou o seu director Alfonso Pato os valores fundamentais serán a responsabilidade, o respeto e a resistencia. 

Co obxectivo de garantir a seguridade de veciños e visitantes, a organización tomou todas as medidas posibles, comezando cun escudo para os maiores e continuando con aforos moi limitados e un sistema de reserva de entrada que será imprescindible para acceder ao recinto do festival. Paralelamente establécense protocolos de seguridade sanitaria para as proxeccións, para a hostalería e incluso para os chimpíns, que desfilarán ante os afortunados que consigan entradas para o recinto. 

As entradas serán nominais e poderán adquirirse ata o próximo día 31 de agosto, a partir de aí a organización pechará o cupo. Como explicou Alfonso Pato, prefiren quedarse curtos e ter varios días de marxe para poder garantir unha total seguridade. 

Polo demais, o festival manterá as súas seccións habituais, cunha sección oficial que concentra bastantes estreas e curtametraxes que apenas se ten visualizado nunha ou dúas ocasións, despois dun ano no que apenas puideron celebrarse festivais audivisuais. 

Neste eido, no que respecta a sección oficial de non ficción Furacans, as estreas son “Usos e Costumes”, “Notas sobre a habitabilidade en A Barca”, “Un lugar bajo el sol”, e “Paisaje y Paisanaje”. A sección complétase con “Da morte nace a vida”, “1 de 8.000” e “Cartografía do
esquecemento”. En canto á sección internacional Extracans, estrearanse cinco curtametraxes chegadas de cinco países diferentes: “Carne”, “Kresala”, “To the Sea”, “Metamorphosis”, e “Seven Sharp”.

Ademais, este ano tamén se crearon dúas novas seccións, unha delas competitiva e dedicada as realizadoras/es máis novas/os baixo o nome Novas Camadas, e outra paralela na que se proxectarán obras de actrices e actores que deron o salto á dirección chamada Directrices. Ademais de cinema, durante 5 días o certame acollerá exposicións, roteiros, visitas guiadas, homenaxes ou coloquios, nos que participarán, entre outras persoas, os actores e actrices Amador Arias, Benedicta Sánchez, Monti Castiñeiras ou Ana Santos.

A presentación do festival tivo lugar esta mañá no Torreiro das estrelas de Cans, nun acto no que participaron autoridades como o conselleiro de Cultura Turismo, Román Rodríguez e a presidenta da Deputación de Pontevedra. Ambos salientaron a potencia do festival e a ledicia que supón que este ano poida celebrarse, falando a primera de Cans como "un orgullo para a provincia de Pontevedra que no sitúa a nivel internacionl" e poñendo en valor o segundo que os organizadores non apostaran pola vía fácil da cancelación e conseguisen adaptar un gran proxecto como seu nova realidade. Pechou o acto a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, que tamén agradeceu o esforzo da organización para manter o festival e garantir a seguridade sanitaria.