Pontevedra arranca cunhas festas da Peregrina diferentes

As festas da Peregrina en Pontevedra arracan este sábado sábado 8 de agosto co pregón do cociñeiro Pepe Solla. Nesta edición e por mor do protocolo de seguridade e prevención da Covid-19, a tradicional ubicación do balcón do pazo de Mugartegui na praza da Pedreira cambia para ao palco de música da Alameda, onde se poderá asistir á lectura do pregón nun espazo acoutado, con cadeiras e medidas de prevención e distanciamento social.

Tamén mañá terá lugar a primeira das tiradas 'sorpresa' de fogos artificias. Co obxecto d evitar aglomeracións de xente para ver os espectáculos pirotécnicos, este ano as tiradas prográmanse todos os días pero en cada ocasión nun punto diferente da cidade e do barrios e cunha duración de 7 minutos, en vez dos 15 minutos de anos anteriores.

Convén lembrar que todas as actividades e actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica.

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control... Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar. A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra e a entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas.