
O programa, a desenvolver en dúas anualidades, divídese en dous lotes: o destinado ás actividades de dinamización foi adxudicado á empresa Ovo Publicidade S.L. cun orzamento de 202.690,01 euros; e o lote destinado ao plan de comunicación foi adxudicado a Era Comunicación S.L. cun orzamento de 109.889,78 euros.
O primeiro lote ten por obxectivo a dinamización sociocultural do primeiro andar do mercado municipal, relacionando e poñendo en valor os produtos de proximidade que son obxecto de venda na planta baixa.
Entre as accións ofertadas contempla visitas escolares, actividades específicas para público infantil e xuvenil organizadas por eixos temáticos, charlas divulgativas vinculadas á gastronomía, showcooking's, e mercados de tempada.
A proposta inclúe ademais nas actividades infantís, prazas con prioridade para fillos e fillas dos e das praceiras e do persoal do mercado para facilitar a conciliación; e en todas as actividades se prestará especial atención á reciclaxe, separación e compostaxe de residuos, ao tempo que se fomentará o uso de materiais sustentables e reciclados.
O lote de comunicación abrangue ao deseño e execución de campañas publicitarias, tanto para medios convencionais como dixitais. Entre as accións recollidas na proposta destacan a creación dunha páxina web, contidos audiovisuais promocionais, merchandising corporativo, contidos en redes sociais, así como a planificación estratéxica e execución de campañas xerais e estacionais específicas cada ano.
Estas actuacións están cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra.