O festival Vilablues múdase a Noia

Despois de catro edicións en Vilagarcía, desencontros entre os organizadores e o concello levaron ao festival internacional Vilablues a moverse este ano ata Noia, onde terá lugar unha edición especial, a 5.1, marcada loxicamente pola crise da covid-19 e as limitacións e medidas sanitarias impostas para este tipo de espectáculos.

O evento, que conta co apoio da Deputación da Coruña e do concello de Noia, terá lugar os días 21, 22 e 23 de agosto cunha combinación de concertos de pago e gratuítos no recinto principal -situado no patio do IES San Alberto-, e outros, sempre gratuítos, en diversas espazos emblemáticos da vila. No cartel hai nomes galegos, nacionais e internacionais, destacando artistas como Sés ou Raimundo Amador. 

O primeiro concerto de cada xornada dará comezo ás 21 horas se ben o acceso ao público abrirase ás 19 horas. Neste sentido, a organización solicita acudir con suficiente antelación –entre 60 e 90 minutos- para evitar colas e atascos dadas as extraordinarias condicións de control de acceso e de situación de público que se han de respectar.

O recinto estará organizado en base a mesas en torno ás que se colocarán as cadeiras en función do número de persoas que compren entradas por grupos. É dicir, as mesas poderán reservarse segundo os membros convivintes e terán capacidade de unha a oito persoas. De feito a organización porá á venda mesas, non tiques. E cada mesa contará con servizo de camareiro personalizado. A capacidade total do recinto rondará ás 800 persoas.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou no acto de presentación do Vilablues e destacou o apoio que a Deputación da Coruña presta aos festivais tanto organizados por concellos como por entidades como, "plataformas de difusión cultural, de creación de novos públicos e de dinamización económica para un sector que, máis que nunca precisa do apoio das institucións para a recuperación despois do confinamento que pechou escenarios e teatros".