O 34 Festival Noroeste Estrella Galicia volverá esta fin de semana á Coruña, reformulado para adaptarse á situación actual e de paso apoiar as artes escénicas e darlle un impulso ás bandas locais e galegas.
Serán tres días consecutivos de música, desde o venres ata o domingo, en que as e os artistas actuarán simultaneamente nos escenarios Nonito Pereira (praza de María Pita) e Jaime Manso (no parque de Santa Margarida). En total serán 14 concertos, mais dous viveiros musicais dirixidos ao público máis mozo co fin de que descubra ritmos, sons e historias vencelladas á música contemporánea.
Os directos celebraranse principalmente en horario de tarde ás 20:00 e ás 22:30 horas nas tres xornadas e na fin de semana haberá sesións matinais que variarán segundo o escenario das 12:30 horas ás 13:30 horas.
O listado de músicos confórmano Allova, Ataque Escampe, Bush Doctors, Cloaca. DL Blando, Laura Lamontagne & PicoAmperio, Moura e a Irmandade Ártabra, Pardo, Sara Sístole, The Bo Derek's, Triángulo de Amor Bizarro, Víctor Coyote, Viuda Gómez e Hijos e Zeltia e Irevire. Fronte aos obradoiros estarán Javier Becerra & Carolina Rubirosa con "Esto es pop" e Lydia Botana con "De aquí para alá".
Como acontece no resto dos espectáculos das Festas de María Pita 2020, os concertos do 34 Noroeste Estrella Galicia contarán cun aforo limitado a un máximo de 400 persoas. Todos os concertos serán de balde, pero haberá que reservar entrada previamente na web do festival (www.festivalnoroeste.com) e tamén na URL https://corunacultura.sacatuentrada.es/. Para promover a ausencia de papel facilitarase ao público un código QR que poderán amosar á súa chegada ao recinto a través do seu terminal móbil.
Para os directos, rexerán as mesmas normas que en todo o programa festivo. Co obxecto de evitar aglomeracións e garantir que non se supere a capacidade permitida, así como para ter identificado ao público por motivos sanitarios de prevención da COVID-19, as entradas serán nominais e identificarase no acceso as/os espectadores.
Cada día ás 10:00 horas abrirase a taquilla virtual para que a veciñanza reserve as localidades dos eventos que terán lugar dous días despois. Así, as entradas dos concertos do venres estarán disponibles a esa hora o mércores 5; as do sábado o xoves 6; e as do domingo o venres 7.
As portas para cada espectáculo abriranse 30 minutos antes e logo de cada un dos concertos, os espazos baleiranse para proceder á hixenización do mobiliario entre as montaxes. Dispoñerase de xel hidroalcólico nos accesos e as/os asistentes terán que levar sempre posta máscara, salvo que presenten un xustificante en que acrediten que están exentos de poñela.
Os recintos contan cun dobre perímetro de seguridade e sinalización nos accesos. Ademais, os asentos estarán separados entre si 1,5 metros para respectar a distancia social e un equipo de acomodación situará ao público nas localidades. As distancias entre cadeiras non poderán modificarse a excepción daquelas persoas que precisen estaren acompañadas por un motivo xustificado como a mobilidade reducida (haberá espazo reservado para elas).
Ao final do espectáculo deberase prestar atención ás indicacións do equipo de acomodación para evacuar o recinto.