A Deputación da Coruña vén de poñer en marcha o proxecto "La primera milla del Camino Inglés", que a través dun investimento de 38.000 euros converterá o inicio deste itinerario xacobeo nun punto "orixinal e totalmente diferente ás alternativas xa existentes" baseada na arte urbana, conseguindo un atractivo estético e artístico sen alterar a morfoloxía do propio barrio.
A encargada de levar a cabo o proxecto será a Agrupación Artística Meninas de Canido, que pretende trasladar o modelo de éxito que implementaron coas 'Meninas de Canido' ao barrio de Ferrol Vello, converténdoo noutro referente cultural e turístico nacional e internacional. Para isto, mapearon a zona seleccionando posibles ubicacións onde situar as súas creacións artísticas que xirarán ao redor de diferentes temáticas como a figura do pescado e o mar, personaxes ilustres da cultura galega principalmente ferroláns como Torrente Ballester ou Concepción Arenal.
Escolleron o barrio de Ferrol Vello polas súas características históricas e a situación estratéxica de comezo do Camiño. Ademais, contemplan a continuidade ao longo da ruta noutros municipios a través dunha sinalización personalizada que faría recoñecible a 'Primeira Milla'. Por outra banda, contarán coa colaboración de locais e negocios de hostalaría da zona para sumarse a esta campaña, ofrecendo a degustación de produtos de calidade.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que "esta é unha mostra máis do compromiso que ten a Deputación para potenciar o Camiño Inglés, neste caso a través da colaboración cunha entidade de acreditado prestixio como a Agrupación Artística que impulsou As Meninas de Canido, nun modelo de intervención artística nos espazos públicos que se está a replicar outras cidades europeas debido ao seu éxito".