O Caudal Fest converterase este ano nun ciclo de concertos con artistas como Izal ou Amaral

O Caudal Fest de Lugo é un dos moitos festivais que non poderá celebrarse este ano como tiña previsto a raíz da crise sanitaria. Pero non todo está perdido, dende a organización acaban de anunciar "As noites do Caudal Fest", un ciclo de concertos de aforo reducido en varios espazos da cidade, que se celebrarán entre o 3 e  20 de setembro con artistas de primeira liña do panorama musical nacional como Izal ou Amaral.

Os concertos terán lugar en dúas localizacións da cidade: a praza de Augas Férreas e a contorna do Auditorio Municipal Gustavo Freire. Serán recintos ao aire libre de acceso limitado, e con asentos asignados previamente, distanciados entre si e seguindo todas as normativas de seguridade, desinfección e precaución necesarias para a situación actual. Terán un aforo máximo de 800 persoas, seguindo a normativa, e haberá un periodo de acceso ao recinto e acomodación escalonado de ata hora e media.

Dentro da programación haberá 12 concertos moi especiais. Izal volverán á cidade para realizar a súa única data en Galicia dentro da súa “Pequeña gran gira” con formato reducido deste ano, sendo un dos principais atractivos do cartel e que esgotaron tódalas demais datas en España en cuestión de horas. Outro dos grupos de pop máis importantes nacionais, Amaral, actuarán dentro da súa xira estival como “Eva y Juan, conciertos acústicos”. O indie rock de Dorian visitará Lugo para o seu único concerto en Galicia e tamén estarán connosco os sempre carismáticos M-Clan coa voz do gran Carlos Tarque á fronte.

A sensación do pop Ana Guerra tamén fará acto de presencia na cidade e xunto con Chica Sobresalto (Maialen) atraerán aos fans destas dúas artistas tras o seu paso por Operación Triunfo. Polo seu lado e dentro dos estilos urbáns estará un dos mellores rapeiros galegos, Hard GZ, quen abrirá a programación o xoves 3 de setembro. Como novedade, a humorista Martita de Graná, tras ser unha das revelacións dos últimos meses e esgotar as entradas de todas as súas actuacións deste verán, fará parada en Lugo para facer un dos monólogos máis actuais e divertidos do momento.

Os artistas galegos e lucenses tamén serán protagonistas do ciclo, como non podería ser doutra maneira. Por un lado teremos a Baiuca, o proxecto de Alejandro Guillán que mestura a música tradicional galega coa electrónica, unha das sensacións do panorama musical dos últimos tempos. Ortiga e a súa cumbia electrónica en galego tamén fará as delicias dos fans das verbenas, pechando unha das fins de semana de concertos da mellor maneira posible. O local David Prado actuará en formato trío diante dos seus cunha actuación de balde e para todos os públicos, e os tamén lugueses Holywater pecharán a programación deste ciclo cun concerto cheo de calidade.

As entradas poñeranse á venda na web www.caudalfest.es o vindeiro luns 10 de agosto ás 12:00 do mediodía. Para cada actuación permitirase seleccionar asentos que serán unipersoais e intransferibles.