Nova Xunta Directiva en Agetan, que pasa a ser presidida por Pablo López


Co fin fundamental de elixir os cargos da súa nova Xunta Directiva, e tal e como establecen os seus Estatutos, as empresas que participan de AGETAN celebraron a tarde deste martes 18 de agosto do 2020 unha Asemblea Xeral extraordinaria na cidade de Santiago de Compostela. 

Alí tivo lugar esta reunión que tivo como fin fundamental o relevo nos cargos directivos da asociación, que pasa a ser presidida por Pablo López Franco, da empresa de turismo activo radicada en Paderne, Marmar Outdoor SL. Xunto a él, foron designados como secretaria Amelia García, da empresa Atlantis Adventure, e como tesoureiro Felipe Martinez da empresa viveiresa Roq Sport. Danlle así o relevo á anterior Xunta Directiva presidida por Agustín Rico, da empresa Galaica Aventura, e na que Pablo Maciñeira, de Ortegal Surf Escola ocupaba o cargo de secretario e Esteban Troitiño, de Desafío Ocio, o de tesoureiro, e que deixan como legado anos dun crecemento exponencial da Asociación, exitosos proxectos como Galicia Destino Activo, ou a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e AGETAN como única entidade da Comunidade Autónoma que aglutina ás empresas de turismo activo de Galicia, para a implementación da medida 24 do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID -19. 

Na reunión tratáronse ademais outros temas de interese, como aspectos relativos precisamente á execución de dito Convenio, algúns de xestión interna da asociación, como o acordo para modificación dos Estatutos para a incorporación das figuras dos Vogais, e outros relativos á situación actual do sector do turismo activo en Galicia e o seu regulamento e ordenación, aspectos aos que AGETAN dedica grandes esforzos. 

A posibilidade da delegación de voto e o feito de que a reunión non superase o máximo de 10 persoas establecido pola normativa vixente, posibilitou a celebración deste novo encontro de modo presencial, despois da celebración de varias asembleas telemáticas ao abeiro das medidas contempladas no RDL 8/2020 aprobado tras o estado de alarma. Así, coas debidas precaucións e respectando todas as medidas de seguridade establecidas, os e as asistentes celebraron a posibilidade de encontrarse de novo presencialmente e compartir as súas inquedanzas e propostas, a pesar de desprazarse desde distintos puntos de Galicia. 

A nova directiva afronta agora con ilusión e dedicación unha nova etapa a través da cal consolidar os logros acadados, co firme propósito de posicionar o sector do turismo activo en Galicia como un referente no seu ámbito. Con este propósito, dende a asociación convídase a todas aquelas empresas de turismo activo ubicadas en territorio galego a contactar (infoagetan@gmail.com) e unirse para acadar dito obxectivo, participando en todas aquelas iniciativas que se realizarán no presente ano e os vindeiros.