Moraña desenvolverá ruta turística basada nas novas demandas dos viaxeiros

O concello de Moraña impulsará en colaboración coa Xunta de Galicia unha nova ruta turística multiexperiencial que se centrará en aspectos espeicalmente demandados polos viaxeiros trala pandemia, como son a saúde, a natureza, a paisaxe ou a tranquilidade.

O proxecto consta dunha primeira fase na que se identificarán os principais recursos patrimoniais de carácter cultural, natural e gastronómico do concello co obxectivo de crear un produto atractivo enfocado á identificación de experiencias vinculadas co territorio, o turismo cultural, gastronómico e de natureza. De feito, o concello de Moraña caracterízase por contar con abundantes restos arqueolóxicos así como unha ampla oferta paisaxística e celebracións como a Festa do Carneiro ao Espeto, declarada de Interese Turístico Galego.

A segunda fase do proxecto baséase no deseño da propia ruta, incorporando á mesma empresas turísticas e actividades complementarias para incrementar o seu atractivo e valor experiencial. Por último, a terceira fase da iniciativa recolle a posta en marcha de traballos de comunicación e difusión da mesma a través de canles como a creación de contidos para a páxina web do Concello.

Os detalles do proxecto abordáronse nunha reunión que mantivo a alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que agarda que este proxecto permita impulsar os atractivos turísticos do concello de Moraña, favorecendo tamén a dinamización económica do concello e impulsando o desenvolvemento local vinculado a posta en valor da paisaxe, a natureza ou a enogastronomía.