
Como principal novidade, os traballadores non poderán traballar por parellas como acostuman, repartíndose as dúas caras da mesma viña. Este método tradicional de vendima eliminarase para garantir a distancia de seguridade, tendo que encargarse un mesmo operario das dúas caras de cada liña de viñas.
Ademais, a vendima terá que cumprir cunha serie de normas entre as que se atopan o uso da máscara en todo momento, o control de entrada á adega e medición da temperatura, poñer a disposición dos e das traballadoras hidroxel, máscaras e papeleiras, evitar o contacto de mans coa cara, redución do contacto físico e distancia mínima de dous metros, non compartir obxectos persoais e non facer reunións. Tamén se recomenda lavar a roupa despois de cada xornada de traballo, evitar beber auga en fontes ou lugares de tránsito común, e tanto a entrada como a saída da adega farase de forma escalonada e mantendo en todo momento a distancia de seguridade. Ademais, introduciuse un sistema de sinalización con balizas para que cada vendimador/a saiba ata onde ten que ir e evitar a concentración de varias persoas nun mesmo punto.
Na escenificación desta mañá participaron o alcalde de Arbo, Horacio Gil, e o deputado provincial Carlos Font, que puxo en valor esta “demostración dos novos tempos nos que estamos e as medidas que se teñen que tomar” e cualificou como “unha situación sobresaínte poder comprobar in situ como se vai desenvolver unha vendima que será especial este ano”. Carlos Font asegurou marchar “coa satisfacción de saber que a economía se reactiva e que algo tan tradicional como a vendima vai contar con todas as medidas de seguridade”.