Dende que entrou en vigor o pasado 29 de xullo, un total de 107.412 persoas inscribiron os seus datos de contacto no rexistro de viaxeiros que puxo en marcha a Consellería de Sanidade. Delas 62.446, o 58,1% do total, proceden das distintas comunidades autónomas con comunicación obrigatoria, concretamente 29.783 do País Vasco, 24.150 de Cataluña, 3.674 de Aragón, 3.011 de Navarra e 1.828 da Rioxa.
Así mesmo rexistráronse 449 viaxeiros que chegaron dos países cun risco epidemio-lóxico máis elevado. Concretamente 121 dende Estados Unidos, 75 de Luxemburgo, 75 de México, 46 de Brasil, 42 da República Dominicana, 33 de Romanía, 22 de Chile, 16 de Ecuador, 11 de Perú e 8 de Colombia.
O resto dos casos corresponden a viaxeiros doutros países con risco epidemiolóxico menos elevado que os anteriormente citados ou a viaxeiros que se rexistraron voluntariamente, xa que proveñen de comunidades autónomas e países que non son de declaración obrigatoria.
A Consellería de Sanidade lembra que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3’5 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias. Esta norma é de obrigado cumprimento, independentemente de que os viaxeiros residan na nosa comunidade ou non.
As persoas que visiten Galicia, teñen vintecatro horas desde a súa chegada para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros. A lista dos territorios cuxa incidencia epidemiolóxica requira desta obriga, pode consultarse na web do Sergas e será actualizada quincenalmente.
Para proporcionar esta información, pódese cubrir o formulario que esta dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A opción máis sinxela é facer esta inscripción online. Os residentes en Galicia deberán deixar sen cubrir no formulario a data de saída de Galicia.
A todos os viaxeiros facilítaselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporciona información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se conside-ren necesarias. Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto, independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.