GALP Ría de Pontevedra promove o consumo das capturas que proveñen da pesca artesanal


No marco da iniciativa Pescado artesanal, o GALP Ría de Pontevedra presentará o vindeiro luns 31 de agosto, ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal de Marín, un Plan de Traballo cuxo obxectivo é promover a comercialización e o consumo das capturas que proveñen da pesca artesanal, así como poñer en valor esta fórmula sostible de manter activa a economía da zona.

Desde o grupo convidan ao sector a participar nesta reunión á fin de facer unha posta en común sobre o contido do programa e coñecer a súas opinións e suxestións ao respecto. A idea desta sesión de traballo é axustar e acordar as accións que se poñerán en marcha nos próximos catro meses e as datas previstas para o seu lanzamento.

Trátase dunha proposta pensada para revitalizar o sector, con actividades de diversa índole, na que a plataforma pescadoartesanal.com será o medio empregado para captar á potencial clientela. Esta ferramenta web para profesionais do sector, permite comercializar de forma conxunta as capturas que proveñen da pesca artesanal da Ría de Pontevedra mediante un sistema de avisos de captura e oportunidades de comercialización de peixe e marisco do día.

A presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, será a responsable de abrir a xornada e a xerente do grupo, Laura Nieto Zas, presentará os obxectivos da mesma. Seguidamente, darase a coñecer o Plan de Traballo e abrirase o tempo para a revisión das actividades previstas.

A esta reunión está convidados a participar tanto representantes das lonxas da ría como representantes do sector comercializador e restauradores adheridos á plataforma pescadoartesanal.com. Tamén convídase a participar aos Concellos como xestores das Prazas municipais de Abastos nos que se comercializa ao cliente final o produto pesqueiro fresco.

As persoas interesadas en participar nesta sesión de traballo, dunha hora aproximadamente de duración, deberán confirmarlle a súa asistencia ao GALP Ría de Pontevedra a través do teléfono 886 213 015 ou no correo electrónico gacpontevedra@gmail.com para poder garantir as correspondentes medidas hixiénicas e de distanciamento físico. O uso de máscara será obrigatorio.