Galicia estrea a súa primeira Vía Verde

Este martes inaugurouse na comarca na provincia de Pontevedra a primeira Vía Verde de Galicia, unha ruta peonil e cicloturista que une os concellos de Vilagarcía, Portas e Caldas de Reis a través da antiga liña ferroviaria Pontevedra-Santiago. 

Trátase da primeira Vía deste tipo que transcorre integramente por Galicia, pois tan só existe unha intercomunitaria entre Galicia e Asturias polo río Eo. A ecovía parte de Abelle (Rubiáns), en Vilagarcía e finaliza na estación de ferrocarril de Portas, tralo seu paso polo municipio de Caldas. Ao longo do percorrido destacan múltiples lugares e puntos de interese coma o Pazo de Rubiáns, o antigo apeadoiro de Ande, a ponte metálica sobre o Umia ou a antiga azucreira de Portas. Amais, serve de conexión co Camiño Portugués e o Camiño da Costa, xa que transcorre moi próxima a Santa María de Caldas, un paso obrigado para os peregrinos e peregrinas. 

É o resultado dunha obra cun orzamento de 356.186,87 euros, que foi financiada maioritariamente pola Deputación de Pontevedra, que aportou 200.000 euros. Os concellos achegaron 84.000 euros (Vilagarcía); 53.600 euros (Caldas) e, finalmente, os 19.000 de Portas. O único que queda pendente é a rehabilitación da ponte metálica sobre o río Umia, que asume a Xunta de Galicia xunto co mobiliario e a sinalética de toda a ruta, cuxas obras xa comezaron e estarán rematadas antes de fin de ano. 

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor a “grande idea que tiveron os tres concellos que plantexaron á Deputación onde non tivemos a menor dúbida en apoiala e participar porque son dese tipo de proxectos interterritoriais nos que queremos estar”. A presidenta, que puxo este modelo como exemplo “do turismo que queremos, sostible ligado ao patrimonio, á natureza, á cultura e a nosa historia”, tamén anunciou que a Deputación organizará cara a este mesmo outono actividades culturais importantes que se desenvolverán na propia senda para poñela en valor. “A Vía Verde do Salnés ten que ser a primeira doutras moitas vías verdes, hoxe é un día moi especial porque a provincia volve a subirse ao podio”. 

Pola súa banda, os alcaldes de Caldas, Portas e Vilagarcía, cualificaron a inauguración como un soño cumprido e agradeceron á Deputación a súa aposta por facer do seu empeño esta realidade. O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey lembrou as dificultades “dun parto lento e delicado que nos trouxo ata aquí. Hoxe é un deses días nos que un agradece estar en política cunha infraestrutura que axudará moito ao turismo e a facer singulares aos tres concellos”. O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, apuntou “o valor engadido que supón a vía verde para os tres pobos”, desexou que a parte da ponte que falta por rematar termine moi cedo, e invitou a veciñanza a ao turismo a visitar a senda. Finalmente, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, puxo en valor “o traballo a ilusión e a unión dos tres concellos ao redor do proxecto que é unha bomba turística e ao tempo que agora nos da a razón”. Varela agradeceu “a visión e a intelixencia da Deputación desde o principio”, e quixo lembrar os nomes de ”persoeiros máis coñecidos e outros anónimos, que loitaron por esta vía desde os tempos do ferrocarril fai máis de cen anos”. Os tres, xunto á presidenta, tamén lembraron ao ex alcalde de Portas, Victor Estévez, polo seu traballo e esforzo para que esta vía verde puidese ser posible.