Ferrol segue adiante coas festas de verán


Ferrol prepárase para vivir as súas festas de verán, do 21 ao 31 de agosto, que serán unha festas diferentes pero festas ao fin e ao cabo. O alcalde da cidade, Ángel Mato, e o concelleiro de Cultura, Educación, Universidade, Deportes e Festas, Antonio Golpe, presentaron o cartel festivo. 

Tras analizar "con moito detalle as circunstancias de saúde públic" e en "permanente contacto coas autoridades sanitarias", o goberno local decidiu seguir adiante coa programación, segundo detallou o alcalde, matizando que "a decisión de facer as festas foi difícil, pero expresa un compromiso coa cultura". 

A programación inclúe 29 actividades que se desenvolverán segundo a última normativa da Xunta con aforos limitados e distancia de seguridade. 

O venres, día 21, celebrarase o concerto inaugural na praza de Armas a cargo da cantante Uxía, e, en paralelo, no mercado municipal de Caranza actuarán Son de Camagüey. O sábado, día 22, haberá un pasacalles a cargo da batukada cedeirense Discalz@s e, pola tarde, o Mago Paco no Raíña Sofía. Esa xornada, pola noite, actuará Rede House en Armas e o grupo ferrolán folk Lenda Ártabra en Caranza.
Para o domingo 23 está previsto música matutina a cargo de Fanfarria Taquikardia; monicreques pola tarde e concerto de Najla Shami pola noite en Armas. O luns, 24, estará dedicado ás Rondallas de Ferrol. 

O martes (25), mércores (26) e xoves (27), o parque Reina Sofía acollerá sesións de cinema infantil, ademais de música con selo local. Para a noite do xoves está previsto un dos pratos fortes coa visita da fadista Sara Correia. O venres, 28, o espectáculo de clown Crunch. O sábado (29) e o domingo (30) haberá desfiles musicais e espectáculos infantís. Xa o luns, pecharán os festexos a obra OhOlimpiada e o folk de Xabier Díaz.