Ferrol por en marcha unha iniciativa para comercializar servizos de lecer activos

A Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol ten un programa que lle permitirá, en colaboración con axencias de viaxes locais, comercializar visitas culturais e servizos de lecer activo, de forma directa, a través das páxinas web www.visitferrol.com e www.ferrolactivo.es. 

A normativa turística galega prohibe intermediar na venda de servizos turísticos sen ser axencia de viaxes ou central de reservas, polo que a empresa de turismo ferrolá convidou ás axencias para participar nun contrato menor de servizos por unha contía de 9.000 euros. 

«O turista que vexa servizos de visitas guiadas ou clases de surf na web de Turismo de Ferrol atoparase coa posibilidade de adquirir no momento devandito servizo, a través dunha ligazón que lle levará ao ecommerce da axencia de viaxes que resulte adxudicataria», explican dende Turismo de Ferrol. 

Será a entidade a que pagará á axencia de viaxes polo seu labor de intermediación, quedando así os provedores dos servizos libres de abonar calquera tipo de comisión. 

A axencia adxudicataria do contrato elixirase en función de criterios como a mellora na proposta de comercialización, a visibilidade da central de reservas en distintos medios, a posta en marcha de campañas en redes sociais e o prezo. O contrato terá unha duración dun ano.