Ferrol conmemora esta fin de semana os 220 anos da Batalla de Brión

O concello de Ferrol tiña previsto relanzar este ano a representación da batalla de Brión, aproveitando que se cumpren 220 anos do enfrentamento cos ingleses. A crise do coronavirus truncou parte das actividades previstas, pero outras moitas puideron manterse adaptándose aos requerimentos sanitarios e celebraranse esta fin de semana. 

A celebración comezará ás 11.00 horas do sábado 29 co chamamento ás armas polo inminente ataque das tropas inglesas. Terá lugar na praza de Armas. Tras o discurso, haberá salvas de avancarga e un disparo de canón. A comitiva desprazarase despois, ás 11.30, ata o baluarte de San Xoán. Sairá da praza pola rúa Real e, tras percorrela, continuará por Espartero ata o baluarte, onde ás 12.30 se levará a cabo a homenaxe no monumento aos caídos na batalla de Brión, que consistirá nunha ofrenda floral e salvas de honra. Será un acto sen público, pero ao que poderán asistir os medios de comunicación. 

Despois, xa pola tarde, os actos trasladaranse ao castelo de San Felipe, onde continuarán tamén ao longo de todo o domingo. Alí terán lugar tres visitas teatralizadas nas que participarán grupos de 25 persoas (22 visitantes incluídos nenos e nenas, un guía e dous membros da Asociación Batalla de Brión). Para participar nelas será necesario realizar unha inscrición previa no correo electrónico ferrolturismo@ferrol.es indicando os datos persoais dos asistentes, ata un máximo de cinco persoas por cada mensaxe. Hai unha segunda actividade programada no castelo. Trátase da busca do tesouro, que se desenvolverá nas mesmas condicións que as visitas teatralizadas. 
Inicialmente estaba previsto que os actos se pechasen coa posta en escena, na sala de Cureñas, dunha adaptación por parte de Helga Méndez de 1800. A batalla de Brión, peza teatral de Eduardo Fra Molinero. Finalmente non será posible debido á complexidade de compaxinar a representación coas medidas de seguridade sanitaria. 

Tal e como explicou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, o Concello incluíu a conmemoración da batalla de Brión no proxecto MMIAH para a recuperación do patrimonio histórico militar, marítimo e industrial, xa que unha das liñas de actuación deste programa é “puramente cultural”. “O Concello quere implicarse máis nesta celebración, e parécenos unha oportunidade poder incluíla no MMIAH”, afirmou a edil de Patrimonio Histórico, que explicou tamén que este ano as circunstancias obrigan a que sexa de transición, mentres non se pode desenvolver un programa máis amplo. 

Durante as recreacións vaise gravar un audiovisual destinado á súa difusión entre os outros oito socios do proxecto europeo, no que Ferrol actúa como “xefe de fila”: Cádiz, Ílhavo, Plymouth, Liverpool, Caen, La Rochelle, Limerick e Cork. Trátase de que lle dean difusión en foros turísticos do mesmo xeito que, por exemplo, Ferrol levou a Fitur este ano material destas cidades coas que colabora. A intención última é “aproveitar esta plataforma de posta en valor do patrimonio para que se converta nunha festa de interese non só nacional, senón tamén internacional”, dixo Martínez Montero, que insistiu en que “a batalla de Brión constitúe unha enorme oportunidade”, polo que invitou a que en próximas edicións “a cidadanía se implique”.